Hoxe é Venres 25 de Xullo de 2025

Meiga-i e O Rabelo fusionan tradición galega e disidencia queer en ‘3. Fantasía’, o novo capítulo do libro-disco Xerme

Entrevista completa con Meiga-i

 Meiga-i actuará co seu proxecto persoal, sen O Rabelo, na Carballeira do Peirao de Arcade o día do Orgullo, 28 de xuño, ás 21:30 horas, con entrada libre. O evento, encadrado na programación do Concello de Soutomaior baixo o nome de “A Orghullosa”, será unha oportunidade para gozar da súa proposta única, que combina música, transformismo e a defensa da diversidade.

A música galega contemporánea dá un paso adiante co lanzamento de 3. Fantasía, a explosiva colaboración entre Meiga-i e O Rabelo, que forma parte do innovador proxecto Xerme, o terceiro libro-disco de O Rabelo. Este tema, que marca o primeiro traballo de estudo de Meiga-i, mestura a tradición galega cunha poderosa mensaxe de inclusión e disidencia queer, reinterpretando melodías populares como Carmiña, Carmela nunha proposta fresca, divertida e comprometida.

3. Fantasía nace da amizade e da visión compartida entre Meiga-i, a primeira drag pandereteira galega, e O Rabelo, un proxecto que fusiona música tradicional con sonoridades urbanas. Este tema forma parte de Xerme, o terceiro disco-libro de O Rabelo, unha ambiciosa proposta que reúne 15 cancións, cada unha en colaboración cun artista diferente, tanto galegos como de fóra, creando un mosaico de historias e estilos que mesturan música e literatura. “Queremos que nos entendan, por iso usamos a ficción, os personaxes e a música para falar de realidades complexas”, explica Meiga-i. A canción aborda temas como as identidades diversas, o adultismo e os dereitos queer cun enfoque lúdico, recreando unha “tarde de merendola entre amigos” que invita á celebración das diferenzas. “Únenos a imaxinación. Quixen levar o folclore galego a un universo de conto de fadas, mesturando o transformismo coa nosa tradición, porque para min é algo natural”, engade Meiga-i.

Meiga-i tamén reivindica a presenza do galego no universo do drag, un espazo onde a lingua e a cultura galega seguen sendo minorizadas. “O drag non ten por que estar ligado á modernidade e ás cidades; tamén pode estar conectado coas nosas raíces e tradicións”, afirma. A artista fai referencia ao libro A defunción dos sexos de Daniela Fernández, historiadora galega que documenta a existencia dun transformista galego que tocaba a gaita, demostrando que estas expresións sempre estiveron presentes na nosa cultura. “Non son a primeira drag en galego, pero si a primeira en dicir claramente que son drag pandereteira, para diferenciar o meu traballo de conceptos como Drag Queen ou Drag King. Trátase de interpretar unha personaxe, e no meu caso son unha pandereteira. A miña inspiración son as mulleres do rural, fortes, traballadoras, que cantaban e tocaban a pandeireta, non as divas pop”, subliña Meiga-i.

O videoclip, gravado en Cerdedo, reflicte tamén un compromiso co territorio. “Escollemos uns prados ameazados por un plan de urbanismo vago. Gravamos alí para non esquecer de onde vimos e defender o que temos: non fan falta pistas de pádel se hai monte onde xogar, nin piscinas artificiais se hai ríos”, afirma Meiga-i. A produción, a cargo de @cru_podu e o seu equipo da comunidade LGBTIQ+, subliña a importancia de que as propias voces disidentes conten as súas historias.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: