Hoxe é Domingo 22 de Xuño de 2025

Redondela festexa as cantareiras polo Día das Letras Galegas: “unha débeda que tiñamos con todas as mulleres que sostiveron a música e o idioma”

480444242_958130522962308_2262374223009255909_n

Asociación folclórica O Carballo das Cen Pólas

O vindeiro 17 de maio, o Día das Letras Galegas 2025 renderá homenaxe á poesía popular oral, con especial recoñecemento ás cantareiras, representadas por sete mulleres galegas: Adolfina Casás Rama e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Prudencia Garrido Ameijende, Asunción Garrido Ameijende, Teresa García Prieto e Manuela Lema Villar) de Malpica de Bergantiños. Esta é a segunda vez que a Real Academia Galega (RAG) dedica a efeméride a un colectivo, tras a homenaxe aos trobadores medievais en 1998, destacando o papel esencial das mulleres na transmisión da lírica oral que mantivo viva a lingua galega en tempos de prohibicións.

Xurxo Martínez, responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, doutor en Filoloxía Galega e escritor, compartiu a súa visión sobre esta celebración e o legado das cantareiras. “Para min é un acerto. É unha homenaxe colectiva, a primeira vez que non se dedica a unha persoa ou grupo concreto, como foi cos trobadores da ría de Vigo. É unha débeda que tiñamos como pobo e coa nosa academia con todas as mulleres que sostiveron a música e o idioma a través das coplas, unha forma de expresión da súa vida, do traballo e das súas relacións sociais, e unha forma de transmisión da lingua”, afirmou Martínez.

Xurxo Martínez.

O papel das cantareiras na resistencia lingüística

As cantareiras, como as Pandeireteiras de Mens, foron figuras clave na preservación da lingua e da cultura galega. Martínez destacou a súa valentía e orgullo: “As Pandeireteiras de Mens, nos anos 70, eran traballadoras labregas que facían música coa pandeireta, pero tamén cun sacho, unha pedra ou caixas de latón. Percorreron América e Europa ofrecendo unha imaxe digna do que somos. Nunha época con prexuízos sobre a nosa cultura popular, elas levaron o galego sen complexos, mostrando que o que facían, que moitos pensaban que era só para a casa, podía compartirse co mundo”. Este legado, segundo Martínez, reflicte a universalidade da tradición galega, que conecta a identidade local co global.

Xurxo Martínez.

A RAG subliña que estas mulleres foron esenciais para transmitir poesía e cantigas de xeración en xeración, nun contexto de represión lingüística. O seu traballo atopa eco hoxe en artistas como Tanxugueiras, Faia Díaz, Sheila Patricia ou Fillas de Cassandra, que revitalizan a tradición oral co novo “folk” galego.

Conexión coas novas xeracións

Martínez resaltou a vitalidade da música tradicional en Galicia, tanto en contornas rurais como urbanas, e puxo a Tanxugueiras como exemplo de modernización sen perda de raíces. “A música popular tradicional está moi viva en toda Galicia, en concellos grandes e pequenos, con grupos de cantareiras, cuartetos de gaita ou orfeóns. Tanxugueiras levou esta música ao escenario estatal con orgullo, como fixeron as Pandeireteiras de Mens no seu momento, dirixíndose a toda España en galego cun discurso de pluralidade e integración lingüística sen temor. Isto permite que moita xente se sinta identificada e dá un novo impulso á tradición cunha imaxe moderna”, explicou.

Xurxo Martínez.

A modernidade que proxectan grupos como Tanxugueiras, tamén na súa forma de vestir e expresarse, axuda a desterrar prexuízos que asocian o galego a contextos rurais ou folclóricos. “Favorecen a conexión da xente nova coa lingua e rompen coa idea de que o galego é só para actos folclóricos ou políticos. O galego é o que somos como pobo, herdámolo con orgullo e debe estar en toda a sociedade de forma transversal”, sinalou Martínez.

Redondela conmemora o Día das Letras Galegas

O Concello de Redondela celebra o Día das Letras Galegas o 17 de maio cun acto institucional no que participará alumnado das escolas locais. Previamente, os nenos e nenas gozaron dun obradoiro de baile e outro sobre o papel das mulleres na música. Durante o acto, lerán pequenos textos, ofrecerán unha mostra de baile e actuarán as cantareiras do grupo O Carballo das Cen Polas de Reboreda. Ademais, realizarase unha ofrenda floral e entoarase o himno galego. Un dos obxectivos desta celebración é visibilizar o traballo da profesora Erica Iglesias, que impartiu os obradoiros, e achegar a práctica da música popular á comunidade.

Ao longo do mes de maio, Redondela acolle outras actividades culturais. O mércores 14 de maio, ás 19:00 h, tivo lugar na Sala de Concertos do Conservatorio de Redondela o concerto especial polo Día das Letras Galegas titulado Cantareiras 2025. Este evento, dirixido a alumnado, pais e nais do Conservatorio e da Escola de Música, incluíu tamén un obradoiro.

O venres 16 de maio, ás 17:00 h, a Biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá unha conferencia sobre música e Letras Galegas coa participación do grupo Anaquiños, que renderá homenaxe ás pandeireteiras. Ese mesmo día, na mesma biblioteca, celebrarase un obradoiro titulado A poesía popular: as pandeireteiras. O mércores 21 de maio, ás 20:00 h, tamén na Biblioteca Xela Arias, a Dra. Carmen de Santiago Gómez, investigadora asociada da USC-CRPIH, impartirá a conferencia titulada A orixe da lírica medieval galega. Un trobador de Chapela?, centrada no trobador Johan Soarez Somesso, coñecido como o “Señor de Chapela”. Este trobador ten unha conexión directa con Chapela, do mesmo xeito que Mendiño a ten con Redondela, contribuíndo a incorporar esta parroquia na busca de referentes da lingua e da identidade galega.

Finalmente, o 30 de maio, a profesora de arte Inés Rivera pechará as actividades vinculadas ao Ano Castelao cunha charla sobre a cartelería de Castelao e o Estatuto de Galicia. Segundo Xurxo Martínez, estas iniciativas axudan a fortalecer os lazos de Chapela e Redondela coa lingua e a identidade galega. Convida a toda a cidadanía a participar nestes eventos organizados polo Concello de Redondela, coa colaboración da SNL (Servizo de Normalización Lingüística) e a Biblioteca Xela Arias, que este ano celebra o seu 20º aniversario.

O reto da normalización lingüística

Martínez insistiu na necesidade de traballar na normalización da lingua galega máis aló de datas sinaladas. “Estamos nunha fase de resistencia lingüística, intentando non perder máis falantes. Os datos son alarmantes: hai neofalantes e persoas adultas que recuperan o idioma, pero perdemos máis do que gañamos. O reto é cambiar a panca para captar falantes”, advertiu.

Xurxo Martínez.

No ámbito municipal, Redondela aposta por iniciativas como a galeguización dos clubs deportivos. “Moitos presidentes ou membros falan galego no día a día, pero non o usan no ámbito administrativo por inercia. Queremos convidar a usalo de forma natural, sen obrigacións. A normalización non é só corrixir textos nun despacho, é conectar coa xente, escoitalos e entender por que algúns galegofalantes non impulsan o idioma en certos contextos. É un traballo sociolóxico, de estar presentes na sociedade”, explicou.

Xurxo Martínez.

O Concello tamén promove actividades continuas, como conferencias sobre toponimia, Rosalía de Castro ou visitas á Casa Museo de Rosalía, en colaboración coa asociación Lenda, para reforzar a conciencia lingüística e cultural ao longo do ano.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: