Hoxe é Martes 24 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ánxela Shakira Bouzón: vocación pola filoloxía galega fronte ás dificultades de estudar fóra da casa

A redondelá Ánxela Shakira Bouzón cursa segundo de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha elección académica que naceu do seu interese polas letras e que acabou converténdose tamén nun compromiso coa lingua. Coñecida pola súa participación en colectivos sociais como o Colectivo Republicano de Redondela e a Plataforma pola vivenda de Redondela, nesta achégase a Radio Redondela para falarnos do seu percorrido universitario, explicar en que consiste esta titulación e desmontar algúns dos prexuízos que aínda existen arredor dos estudos de filoloxía.

Un dos aspectos que quere dar a coñecer é que estudar Filoloxía Galega non significa renunciar a outras linguas ou literaturas. A USC ofrece distintas posibilidades para complementar a formación mediante a modalidade de minor, que permite cursar materias doutra filoloxía ou especializarse en ámbitos como a lingüística e a teoría crítica literaria.

Ánxela lembra que existen outras saídas profesionais vinculadas aos coñecementos lingüísticos e literarios. O traballo en bibliotecas e arquivos, a edición editorial, a corrección de textos, a tradución, o xornalismo ou a investigación universitaria son algunhas das posibilidades que contempla. No seu caso, recoñece que lle gustaría explorar as prácticas nunha biblioteca e tampouco descarta traballar nun medio de comunicación ou nunha editorial.

A investigación é outra vía que lle resulta especialmente atractiva, sobre todo pola oportunidade de seguir afondando no coñecemento da lingua galega. Por iso, anima o alumnado de bacharelato, especialmente o da modalidade de Humanidades, a achegarse a estes estudos.

A crise da vivenda e do transporte condiciona a vida universitaria

A entrevista tamén deixa espazo para analizar as dificultades ás que se enfronta actualmente o estudantado universitario. No caso de Ánxela, a crise da vivenda en Santiago de Compostela condicionou directamente a súa experiencia durante o primeiro curso.

A redondelá conseguiu alugar unha habitación, pero os gastos acabaron sendo economicamente insostibles. Como explica, non abonda con poder pagar o alugueiro: hai que sumar os gastos de comunidade, luz, auga, alimentación, transporte e material académico. Ademais, as bolsas non sempre chegan no momento en que se necesitan, polo que é preciso contar cun apoio económico previo.

Tamén sinala os problemas para utilizar o transporte urbano, especialmente cando os autobuses chegan cheos e non recollen máis pasaxeiros. Unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de mellorar os servizos públicos para facilitar os desprazamentos do alumnado.

“Por favor, máis transporte público de calidade para os estudantes e para todo o mundo en xeral, porque é un ben básico, un dereito básico”, reivindica. Considera que a crise da vivenda está impedindo que moitos estudantes poidan residir nas cidades nas que cursan os seus estudos e que, sen alternativas de transporte axeitadas, o acceso á universidade acaba converténdose nun privilexio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

AntroPop: The Kinks (I)

Comenzamos a percorrer a historia de The Kinks. Nesta primeira entrega as orixes de clase obreira, o Swinging London e o riff de guitarra que cambiou a historia do rock.

Escoitar audio »

Cousas de hoxe: Nintendo Wii

A Nintendo Wii está de aniversario: O pasado 19 de novembro cumpríronse 20 anos do lanzamento dunha consola que revolucionou o mundo dos videoxogos. Quen non botou algunha partida ao

Escoitar audio »