O goberno local cualifica de “intolerable” que o cuarto municipio da provincia non apareza nos orzamentos galegos e denuncia a discriminación respecto doutros municipio veciños que “con menos habitantes suman máis de 8 millóns”. Alertan de que a decisión do goberno galego supón deixar sen financiamento obras urxentes como o cambio do tellado do CEIP Laredo.
O Concello de Redondela amosou a súa indignación tras coñecer que o orzamento da Xunta de cara ao vindeiro ano “volve ignorar e ningunear” as necesidades de Redondela ao consignar “0” euros en investimentos directos para o municipio no vindeiro exercicio.
A alcaldesa Digna Rivas, considera inxustificable esta decisión do goberno galego e entende que se trata dun “castigo” cara os redondeláns o que “demostra o absoluto desprezo da Xunta de Galicia á nosa poboación” que non recibirá “nin un só euro para sanidade, educación ou saneamento”.
Entre as ausencias máis graves destaca o cambio do tellado do CEIP de Laredo, unha obra urxente para garantir a seguridade no centro, xa que presenta risco de desprendemento. Así mesmo, os orzamentos de 2027 volven esquecer a construción da escola infantil de 0 a 3 anos en Chapela, unha infraestrutura fundamental e demandada desde hai anos na parroquias.
Dende o Goberno local destacan o “sangrante agravio comparativo” que sofren os veciños e veciñas de Redondela ao comprobar as partidas destinadas a Concellos limítrofes e de menor peso demográfico, que si reciben importantes cantidades con 4,9 millóns para centros sanitarios e saneamento, ou 3,4 millóns para infraestruturas hidráulicas e vivenda.









