Hoxe é Luns 19 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco mantén o pleno cunha nova vitoria no campo do Erizana

WhatsApp Image 2026-10-19 at 11.13.16

O fútbol da comarca deixa unha xornada con triunfos importantes para o Choco, o Arcade o Cesantes e o Chapela, mentres que o Soutomaior e o Atlético Villar non conseguen puntuar.

Primeira Galicia

CD Choco continúa firme no liderado do Grupo 6 da Primeira Galicia tras sumar unha nova vitoria, desta volta por 1-2 no campo do Erizana CF, en Baiona. O conxunto redondelán tivo que traballar ata o último instante para levar os tres puntos nun encontro igualado, con poucas ocasións e marcado polas interrupcións. Kevin Castro foi o protagonista da tarde ao anotar os dous goles visitantes, o segundo deles no tempo engadido.

O partido comezou de cara para os de Santa Mariña. Kevin Castro adiantou o Choco no minuto 6, ao aproveitar unha acción a balón parado tras un saque de esquina. A partir de aí, o encontro entrou nunha fase de igualdade, sen demasiadas oportunidades claras para ningún dos dous equipos. O estado do terreo de xogo e as grandes dimensións do campo condicionaron o ritmo, segundo explicou o adestrador do Choco, Fernando Boubeta, na súa valoración do encontro.

O Erizana conseguiu empatar xusto antes do descanso, no minuto 46, cun lanzamento de penalti que o técnico redondelán considerou “bastante rigoroso”. Na segunda metade, a dinámica non mudou demasiado, con moitas interrupcións e poucas ocasións de gol. Porén, a expulsión dun xogador local nos últimos minutos abriu unha nova oportunidade para o Choco, que intensificou a presión e encerrou o rival na súa área.

A insistencia tivo premio no tempo engadido. Nunha nova acción a balón parado, outra vez tras un saque de esquina, Kevin Castro marcou o 1-2 definitivo no minuto 90+4, desatando a alegría do conxunto redondelán.

Boubeta destacou a importancia do triunfo para prolongar a boa dinámica do equipo e seguir no máis alto da clasificación. “É unha vitoria moi importante”, sinalou o técnico, que puxo o foco na capacidade do grupo para insistir ata o final nun partido no que non foi doado xerar ocasións. O adestrador xa mira cara á seguinte xornada, na que o Choco recibirá o Tyde FC.

Con este resultado, o equipo de Redondela suma sete vitorias en sete xornadas e alcanza os 21 puntos, cunha vantaxe de seis sobre o Colegio Hogar SR, segundo clasificado. O próximo encontro disputarase no campo municipal de Santa Mariña, onde os choqueiros buscarán prolongar o pleno de triunfos diante da súa afección. O Tyde ocupa actualmente a duodécima posición da táboa.

O CD Arcade, no Grupo 5 da Primeira Galicia, sumou tres puntos importantes no campo do Salgueirón tras superar por 2-0 á SCD Ponte Caldelas. O encontro chegou ao descanso co gol de Brais no tempo engadido da primeira metade, no minuto 45+1. Xa na recta final, Javier Couñago sentenciou o partido co segundo tanto no minuto 85. Esta vitoria permite ao conxunto de Arcade colocarse na cuarta posición da clasificación xeral.

Na próxima xornada, o Arcade visitará o campo do Flavia SD, un rival situado na zona baixa da táboa. Os de Arcade terán unha boa oportunidade para tentar dar continuidade á súa boa dinámica e seguir escalando posicións.

Pola súa banda, o CD Soutomaior non puido puntuar na súa visita ao Atlético Combarro, onde perdeu por 4-1. O conxunto local adiantouse no marcador no minuto 28, desde o punto de penalti, e foi ampliando a súa vantaxe ata deixar o encontro moi complicado para os visitantes. Xabier Gabriel González marcou o único tanto do Soutomaior no minuto 79, cando o partido xa entraba na súa recta final.

O resultado deixa situacións moi diferentes para ambos os equipos. O Atlético Combarro ocupa a segunda posición e continúa invicto, mentres que o Soutomaior segue sen coñecer a vitoria e pecha a clasificación do grupo. Na próxima xornada, os de Soutomaior recibirán ao San Martín CF, actual líder da categoría, nun novo compromiso esixente no que deberán buscar os seus primeiros puntos.

Segunda Futgal: festival de goles do Cesantes e derrota do Atlético Villar

Na Segunda Futgal, o CD Cesantes protagonizou un dos partidos máis espectaculares da xornada ao vencer por 4-6 ao Unión Dena CF na súa visita a Dena. Nun encontro marcado pola eficacia ofensiva dos dous equipos, David (capitán) foi o gran protagonista dos visitantes con catro tantos, anotados nos minutos 33, 45+3, 88 e 90+4. Hugo marcou no minuto 36 e Tiago fixo o outro gol no minuto 90 para completar a vitoria do Cesantes.

O triunfo permite ao conxunto situarse na oitava posición da clasificación, con oito puntos. Na próxima xornada xogará na casa fronte ao UDSM Deiro, actual pechacancelas, nunha oportunidade para seguir sumando e gañar estabilidade na táboa.

Menos fortuna tivo o Atlético Villar, que caeu por 4-2 na súa visita ao Tebra FC, en Tomiño. O equipo local impuxo o seu ritmo e acabou levando os tres puntos, malia que o Villar intentou manterse no partido. Pablo marcou para os visitantes no minuto 44 e Iago anotou o segundo tanto no minuto 78, nun intento de reacción que non foi suficiente para cambiar o resultado.

O Tebra FC ocupa a cuarta posición da liga, mentres que o Atlético Villar se sitúa no posto 14, con tres puntos. Na próxima xornada, o Villar recibirá ao AD Lavadores, último clasificado e tamén necesitado de puntos. O encontro preséntase como unha oportunidade importante para que os de Villar busquen unha reacción e melloren a súa situación na clasificación.

Terceira Futgal

Na Terceira Futgal, Grupo Vigo 1, o Chapela CF sumou unha nova vitoria ao superar por 2-0 ao CD Nieto no campo de Parada. O conxunto local encarrilou o encontro nos primeiros minutos, grazas aos goles de Diego Covelo, no minuto 9, e Antón Santos, no 22.

Coa vantaxe de dous tantos, o Chapela soubo controlar o partido na segunda metade, mantendo a solidez defensiva e impedindo que o rival volvese entrar na disputa polos puntos. O triunfo permite ao equipo colocarse na sexta posición da clasificación, con 13 puntos.

Na próxima xornada, o Chapela CF visitará o Atlético Huracán de Zamáns, un rival directo que ocupa a quinta posición. Será un encontro importante para os beretes, que terán a oportunidade de recortar distancias cun equipo situado inmediatamente por diante na táboa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará