Hoxe é Venres 9 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sergio Leirós, o artista redondelán que une graffiti, acuarela e tatuaxe

Entrevista completa con Sergio Leirós.

Do graffiti e a arte mural á ilustración e á tatuaxe. Sergio Leirós, artista de Redondela cunha traxectoria que abrangue diferentes disciplinas artísticas, presenta o seu traballo en acuarela dedicado a Redondela, que xa pode adquirirse en formato lámina. Ao mesmo tempo, compaxina esta faceta coa súa actividade como tatuador en Vigo.

“O debuxo e a pintura veñen de sempre. Comecei de pequeno en clases de pintura coa miña nai no centro cultural de Vilar”, explica Sergio. Despois do bacharelato artístico, cursou o superior de ilustración en Ourense e un ano de ilustración editorial en Madrid.

Para el, a vocación é o que marca a diferenza. “Realmente o que importa é que te guste moito, ten que ser algo pasional e vocacional. Non é para todo o mundo. Non podes dicir ‘quero dedicarme a isto polo diñeiro ou polo estilo de vida’. Ten que ser porque realmente amas e queres dedicar todo o esforzo niso. É difícil”, recoñece. Sobre as posibilidades de vivir da arte en Galicia, considera que en cidades pequenas hai menos demanda e menos oferta, pero tamén menos competencia extrema: “Podes dedicarte aquí igual que nunha gran cidade. Cada un ten a súa propia dificultade e os seus propios beneficios”.

As láminas son acuarelas de paisaxe urbana de Redondela. “Centreime en lugares emblemáticos como os portais do Concello, a Casa da Torre ou a Casa do Concello, e outras vistas como o Viaduto ”, conta.

Un dos aspectos máis curiosos do seu traballo é que cada disciplina ten un estilo propio. “É curioso. Cando pinto graffiti dista moito do que en acuarela ou tatuaxe. Fago algo de ilustración infantil pero tamén moita acuarela artística, tanto de paisaxe urbana como de natureza. E o tatuaxe parte dunha base xaponesa con influencias tradicionais e modernas. Estas tres disciplinas chocan moitísimo, non se parecen unhas a outras, pero desfruto todas por igual”, explica.

En Redondela conta con murais que se poden ver en diferentes espazos e fachadas, como o CEIP Santa Mariña, o Skatepark, o CEIP Porto Cabeiro ou Soutoxuste. O seu traballo tamén se pode atopar noutros puntos da comarca, como no mural do Skatepark de Cangas ou en Area de Bon, en Bueu. Valora iniciativas como Vigo Cidade de Cor ou os festivais de murais noutras localidades galegas e cre que Redondela se presta moito a este tipo de intervencións artísticas na rúa como demostrou xa o colectivo Arte Lixo en máis dunha ocasión.

Mural de Sergio Leirós no Skatepark de Redondela.

O artista quere continuar ampliando a súa colección de láminas, dispoñibles na tenda de artesanía Bradouro, e ten entre os seus proxectos futuros publicar un libro de ilustración infantil. Ademais, mantén aberta a posibilidade de realizar encargos de acuarela e ilustración. Actualmente traballa como tatuador no estudio Frio Norte, en Vigo, sen abandonar outras facetas artísticas que lle permiten seguir vinculado á súa vila e á creación local.

Mural de Sergio Leiróns no CEIP Santa Mariña.
Mural de Sergio Leirós no skatepark en cangas.

Lámina que representa o seu estilo de tatuaxe.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp