Hoxe é Venres 9 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Agro Redondela, tres décadas de historia familiar que agora tamén medran nas redes sociais

O negocio, nado en 1990 da man de Manuel Villameriel, adaptouse ao cambio nos hábitos dos clientes e aposta agora pola comunicación dixital da man do seu fillo Manuel e da súa sobriña Marta Pérez

Hai negocios que medran ao mesmo tempo que as persoas que están detrás deles. É o caso de Agro Redondela, un establecemento que leva máis de tres décadas ligado ao mundo agrícola e que hoxe afronta unha nova etapa coa incorporación da segunda xeración.

A historia comeza mesmo antes da apertura do negocio. Manuel Villameriel, natural de Palencia, chegou a Galicia nos anos 80 por motivos laborais. O seu traballo no ambito da agricultura levouno a percorrer boa parte de España e tamén a pasar por distintos puntos da provincia de Pontevedra. Foi precisamente en Redondela onde acabou coñecendo á que sería a súa muller e onde decidiu establecerse definitivamente coa súa familia.

Tras varios anos traballando como delegado no sector agrícola e percorrendo miles de quilómetros ao ano, Manuel decidiu dar un cambio á súa vida. En 1990 puxo en marcha Agro Redondela, aproveitando os coñecementos e contactos adquiridos durante a súa traxectoria profesional.

Os primeiros anos estiveron marcados polo esforzo e tamén pola necesidade de adaptarse a unha realidade nova. Manuel lembra con humor algunhas das dificultades iniciais, como as diferenzas no vocabulario empregado polos clientes galegos. Palabras como “picón”  ou mesmo “niños” deron lugar a máis dunha situación anecdótica detrás do mostrador.

Do agro tradicional ás novas necesidades

Ao longo destes máis de 30 anos, tamén cambiou profundamente o perfil dos clientes e o tipo de produtos demandados. Nos primeiros tempos era habitual que as familias cultivaran as súas terras e criaran animais, polo que no establecemento se vendían pensos para vacas, porcos, ovellas ou tenreiros, ademais de sementes, frutais ou produtos para a viña.

Co paso dos anos, esa realidade foi mudando. A presenza de animais de granxa nas casas diminuíu e aumentou o interese polas plantas ornamentais, a horta doméstica e a xardinería. Tamén evolucionou o mercado dos animais de compañía, con clientes que buscan actualmente pensos máis específicos e de maior calidade.

Desde Agro Redondela destacan ademais a chegada de novos clientes máis novos, interesados en crear pequenas hortas, coidar os seus xardíns ou incorporar plantas ás súas casas.

Un negocio que pasa de pais a fillos

A evolución tamén se produciu dentro da propia familia. Manuel, o seu fillo, incorporouse ao negocio despois de pasar por outros ámbitos profesionais e dunha formación relacionada coa enxeñería química. Ao principio, recoñece, custoulle adaptarse ao trato co público e ao funcionamento do establecemento, pero co paso dos anos acabou atopando no mundo das plantas e da horta unha das súas grandes paixóns.

Marta Pérez, pola súa banda, xa levaba máis tempo vinculada ao negocio familiar. Xunto con Manuel, representa agora esa segunda xeración que está introducindo novas formas de comunicación sen perder a esencia do establecemento.

Esa transformación ten un dos seus principais escaparates nas redes sociais. A decisión de comezar a publicar vídeos nas redes xurdiu ao comprobar que outros negocios e profesionais do sector estaban empregando estas ferramentas para chegar aos seus clientes. Agora acumulan máis de 3000 seguidores baixo o perfil @agroredondela.

Os primeiros vídeos foron máis improvisados, pero pouco a pouco Manuel foi gañando soltura diante da cámara. A clave, segundo explica, está precisamente en manter a naturalidade e amosar as plantas e os produtos tal e como son, sen grandes preparacións nin composicións.

A resposta dos usuarios foi medrando e os vídeos comezaron a converterse nunha importante vía de promoción para Agro Redondela. Ata o punto de que persoas de diferentes lugares de España se achegaron ao establecemento buscando plantas que descubriran previamente a través das redes.

Algunhas especies pouco habituais ou plantas de colección conseguen especialmente chamar a atención. Manuel explica que, en ocasións, unha planta publicada nun vídeo pode esgotarse ao día seguinte pola cantidade de persoas interesadas.

Todo isto pódese escoitar na entrevista feita á familia de Agro Redodela onde contan anécdotas e repasan parte da súa historia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp