Hoxe é Martes 6 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Carreira de fondo: Lara Caeiro – Dirección creativa e artísitica

Foto de Aigi Boga

Entrevista completa a Lara Caeiro.

A creadora compostleá, coñecida nas redes como @laracalifornia , construíu unha traxectoria ligada ao xornalismo, a dirección de arte, o vestiario e a realización audiovisual, con traballos para artistas como Mondra, De Ninghures ou Fillas de Cassandra

Lara Caeiro de Soto leva anos movéndose entre diferentes disciplinas creativas. Xornalismo, moda, dirección de arte, vestiario, videoclips, ficción, poesía ou proxectos culturais forman parte dun percorrido profesional no que a creadora compostelá foi construíndo o seu propio camiño. 

Durante os primeiros anos da súa carreira exerceu como xornalista, unha perspectiva que, segundo recoñece, segue moi presente na súa maneira de entender a creación.  Nos últimos anos, a súa actividade foi especialmente visible no ámbito da dirección de arte e o estilismo audiovisual, tanto en videoclips como noutras producións. Entre os proxectos nos que participou están traballos para Mondra, De Ninghures ou Fillas de Cassandra. No caso de Marimondra, de Mondra e Adela Otero, encargouse da dirección de arte e estilismo, mentres que en Hibernarse – O videofilme, de Fillas de Cassandra, asumiu a dirección de arte, escenografía e estilismo. Esta última peza foi recoñecida en 2026 co Premio Mestre Mateo ao mellor videoclip.

Precisamente Hibernarse é un dos proxectos que Lara Caeiro lembra con especial cariño. “É o primeiro proxecto co que gañei un Mestre Mateo”, explica, destacando tanto o resultado como o equipo co que puido traballar. A súa actividade esténdese tamén á dirección de videoclips: en 2025 participou no Festival de Cans coa dirección de Greleighties, de Brassica Rapa, e en 2026 figura como directora do videoclip Rebelión do Inframundo, de Gaia. 

Outro dos traballos recentes que destaca é Adi, filla da luz, un documental sobre a atleta paralímpica Adiaratou Iglesias. Caeiro participou como responsable de dirección de arte e vestiario nunha peza de 12 minutos producida por RestArts Studio para ACNUR, que chegou a RTVE Play despois da súa presentación no Festival de Málaga. “Estou bastante orgullosa, tamén polo carácter do proxecto e polas persoas que coñecín”, explica sobre este traballo, no que destaca especialmente a historia da deportista.

A súa evolución profesional está levando agora a Caeiro a explorar tamén a ficción, un ámbito no que asegura que sempre quixo entrar. “Dar o paso á ficción era un dos meus soños”, recoñece. A creadora asegura estar especialmente ilusionada con esta nova etapa, aínda que tamén consciente de que lle queda moito por aprender.

A súa forma de entender a profesión está directamente relacionada coa súa visión sobre os equipos de traballo. Caeiro defende que a creación audiovisual non pode entenderse unicamente como un proceso individual, senón como unha actividade colectiva na que todas as persoas implicadas deben poder participar en condicións adecuadas. “Non concibo a creación se non é dende o colectivo e o inclusivo”, afirma. Para ela, os proxectos deben favorecer espazos seguros, inclusivos e nos que diferentes voces poidan sentirse representadas.

A súa mirada tamén é crítica coa situación que, ao seu xuízo, continúa existindo dentro do sector audiovisual. Caeiro considera que se avanzou en determinados aspectos, pero que o machismo e a falta de diversidade seguen presentes nas rodaxes. “Creo que segue habendo moitísimo machismo no sector e moi pouco espazo para voces diversas”, sinala. 

Por iso, unha das súas recomendacións para quen queira comezar neste mundo pasa por coñecer os propios valores e rodearse de persoas coas que exista apoio mutuo. “Hai que ir cos valores propios e coas cousas que defendes sempre a tope”, explica. Tamén reivindica a importancia de saber dicir que non cando un proxecto non encaixa coa maneira de entender o traballo, aínda que iso poida supoñer renunciar a unha oportunidade.

“Pode que se peche unha porta, pero igual esa porta non era para ti”, reflexiona. Para Caeiro, o audiovisual ofrece moitos camiños diferentes e non existe unha única maneira válida de crear. Nesa procura tamén anima a mirar cara ao talento máis próximo: compañeiras, artistas e creadoras galegas que poden converterse en referentes e cos que se poden establecer novas colaboracións.

Foto de Aigi Boga
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp