Hoxe é Martes 8 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Últimos días para matricularte na EOI de Redondela

WhatsApp Image 2026-09-08 at 10.41.19

Ana Prieto, docente da EOI Redondela

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Redondela prepara o inicio do curso 2026-2027 cunha oferta centrada no inglés e con diferentes modalidades para facilitar a conciliación cos estudos, o traballo e outras obrigas. A matrícula permanece aberta ata o 18 de setembro e, segundo explica a docente Ana Prieto, aínda quedan prazas dispoñibles en todos os niveis.

A EOI de Redondela ofrece este ano ensinanzas desde A1 ata C1, con diferentes opcións horarias. Na modalidade presencial, as clases teñen unha duración de catro horas semanais, repartidas en dúas sesións de dúas horas, mentres que a modalidade semipresencial concentra a actividade presencial nunha única sesión semanal e completa o traballo a través da aula virtual.

A docente destaca precisamente a flexibilidade da modalidade semipresencial, especialmente pensada para persoas con pouco tempo dispoñible ou que viven máis lonxe. “Se es unha persoa autónoma e que te manexas moi ben pola túa conta, paréceme estupenda”, sinala Ana Prieto.

A oferta presencial inclúe grupos de A1, A2, B1, B2.1 e B2.2, con diferentes combinacións de días e horarios. En A2 existen dous grupos, o que permite unha maior flexibilidade para escoller horario. As clases celébranse pola tarde no IES Pedro Floriani.

Unha metodoloxía máis comunicativa e práctica

A EOI aposta por unhas clases nas que a comunicación ten un peso destacado. Ana Prieto explica que o obxectivo é que o alumnado utilice realmente o idioma e non se limite a memorizar contidos. “F moito máis énfase na oralidade e intentamos que sexan as clases dinámicas, con xogos”, apunta.

O vocabulario ocupa tamén un lugar central na metodoloxía. “Sen gramática podes comunicarte, sen vocabulario non”, resume a docente. Os contidos trabállanse mediante audios, vídeos, xogos, actividades en parellas e prácticas de conversación, evitando que o proceso se limite aos tradicionais exercicios escritos de completar ocos. “É máis útil, porque estás usando o idioma”, explica Prieto.

Esta orientación busca ademais responder á evolución das necesidades do alumnado. A docente observa que as persoas máis novas adoitan ter unha maior facilidade para falar e comprender o inglés grazas ao contacto habitual con vídeos e contidos neste idioma, pero presentan máis dificultades na expresión escrita. Pola contra, o alumnado de maior idade adoita desenvolverse mellor na escrita, mentres que a comprensión oral pode resultar máis complexa.

Entre as propostas deste curso figura tamén o Monográfico Oral B2-C1 English, un curso de 30 horas que se desenvolverá entre setembro e maio os mércores de 19:15 a 20:30 horas. Está especialmente orientado á práctica das destrezas orais e non inclúe exame.

A iniciativa está pensada para persoas que xa teñen un nivel elevado ou mesmo títulos acreditativos, pero queren seguir utilizando o idioma para non perder fluidez.  A matrícula para este monográfico estivo aberta desde o 21 de xullo ata o 18 de setembro.

Outro dos atractivos da proposta é o prezo: 127 euros o primeiro curso e 105 os seguintes. As clases están dirixidas a persoas a partir dos 16 anos e non é necesario contar con requisitos específicos máis alá de escoller o nivel correspondente e ter interese por aprender.

A matrícula realízase en liña, aínda que a escola ofrece apoio ás persoas que teñan dificultades para completar o proceso dixital. Durante estas semanas, o profesorado tamén contará con horarios de atención presencial no IES Pedro Floriani para facilitar as inscricións.

A escola atende tamén as dúbidas sobre o nivel máis axeitado, as diferentes modalidades e o propio proceso de matrícula a través das súas redes sociais e do correo eoi.vigo.redondela@edu.xunta.gal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará