A Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de preto de 42.000 euros para o Concello de Pazos de Borbén destinada á mellora da eficiencia enerxética e á reparación das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Amoedo e Nespereira. A actuación intégrase no Plan +Provincia, a través do que a institución provincial destina este ano ao municipio preto de 835.000 euros.
O investimento inclúe a renovación de equipos que quedaron obsoletos co obxectivo de mellorar o funcionamento das instalacións, reducir o consumo enerxético e limitar os custos de mantemento. Na EDAR de Amoedo instalarase unha nova bomba de auga bruta no pozo de chegada, de maneira que a instalación conte cun equipo operativo e outro de reserva.
No caso da EDAR de Nespereira I colocarase unha nova bomba equipada cun variador de frecuencia, que permitirá regular o caudal de auga impulsada e adaptar mellor o funcionamento da instalación ás necesidades do proceso. Tamén se renovará o equipo encargado de achegar o aire e o osíxeno necesarios para a depuración biolóxica, unha actuación coa que se pretende incrementar a eficiencia do tratamento e reducir o consumo enerxético.
O Concello sitúa o saneamento entre as súas prioridades
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, confirma que o Concello solicitou estes fondos para acometer melloras nas depuradoras compactas de Amoedo e Nespereira e sitúa esta actuación dentro dunha estratexia máis ampla para poñer ao día as infraestruturas de saneamento do municipio.
Otero sinala que, desde o inicio do mandato, unha das prioridades do Goberno local foi actuar sobre estas instalacións por motivos tanto ambientais como económicos. Segundo explica o alcalde, Pazos de Borbén viña facendo fronte de maneira recorrente a sancións relacionadas coa situación do saneamento, cun impacto importante para as arcas municipais.
“Dende que iniciamos o mandato un dos nosos obxectivos prioritarios foi ir poñendo paulatinamente ao día as infraestruturas de saneamento”, apunta Otero, que engade que se trata dunha cuestión “ambiental e económica”, xa que o importe das sancións que o Concello estaba a pagar “era elevado, unha sangría para as arcas municipais que herdamos”.
O alcalde asegura que, aínda que queda traballo por facer, o Concello conseguiu evitar as sancións. Neste sentido, apunta tamén a unha actuación de maior envergadura prevista para a depuradora de Moscoxo, para a que existe un proxecto cun investimento estimado en medio millón de euros.
Segundo explica Luciano Otero, o proxecto xa foi trasladado a Augas de Galicia coa intención de conseguir financiamento para poder acometelo. “Estamos á espera da súa resposta”, sinala o rexedor.
A nova achega para Amoedo e Nespereira permitirá así actuar sobre dúas instalacións concretas mentres o Concello continúa reclamando recursos para afrontar as actuacións pendentes na rede de saneamento municipal. A achega forma parte dun investimento máis amplo da Deputación en Pazos de Borbén. O Plan +Provincia contempla preto de 835.000 euros para o municipio, dos que máis de 490.000 corresponden ao exercicio 2026 e preto de 344.000 euros proceden do adianto da liña de investimentos correspondente a 2027.









