Hoxe é Luns 7 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Reboreda comeza a recuperar a contorna do seu conxunto monumental tras seis anos de reivindicación

image

A contorna monumental de Reboreda comeza a recuperar a súa imaxe despois de anos marcada pola presenza de postes de electricidade e cableado aéreo. A Asociación Cultural Alén Nós celebra o inicio dos traballos para retirar estas instalacións e soterrar as liñas eléctricas no ámbito do conxunto formado pola igrexa parroquial, a casa reitoral e o Pazo de Xoán Manuel Pereira de Castro, señor de Reboreda.

A entidade considera que esta actuación dá resposta a unha reivindicación iniciada formalmente hai seis anos e supón un importante paso adiante na protección e posta en valor deste espazo histórico. Os traballos permitirán eliminar parte da contaminación visual que afectaba a un ámbito catalogado e protexido.

A orixe da reivindicación sitúase en setembro de 2020, cando se instalaron varios postes de formigón xunto ao muro do adro da igrexa. Segundo lembra Alén Nós, aquelas estruturas quedaron situadas dentro da área de protección delimitada no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia.

A asociación trasladou daquela as súas reclamacións ás áreas de Cultura e Patrimonio do Concello de Redondela e á Xunta, solicitando a retirada dos postes e unha solución global para o cableado aéreo existente na zona. A proposta contemplaba soterrar as liñas desde o Cristo de Arriba, no torreiro da festa, ata o Cristo de Abaixo, nas proximidades do cemiterio.

Desde Alén Nós destacan que a actuación é tamén o resultado da colaboración entre diferentes colectivos da parroquia. Neste sentido, a asociación agradece expresamente o apoio da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas, que se sumou á reivindicación desde a súa creación.

A entidade cultural considera que a recuperación da contorna de Reboreda vai máis alá dunha cuestión estética e reivindica a necesidade de preservar a paisaxe histórica e os elementos patrimoniais da parroquia. Para Alén Nós, a eliminación destas infraestruturas permite avanzar cara a unha maior integración e coherencia visual dun dos principais conxuntos monumentais de Reboreda.

Tras seis anos de reclamacións, os primeiros traballos permiten visualizar finalmente unha transformación que a asociación considera necesaria para dignificar e protexer este espazo patrimonial.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará