Hoxe é Mércores 2 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior supera os 20.400 visitantes na súa Oficina de Turismo

oficina de turismo de Soutomaior

A Oficina de Turismo de Soutomaior encara a recta final da tempada con cifras que apuntan a un novo récord. Desde o pasado 1 de abril, 20.401 persoas pasaron xa polas instalacións municipais, máis de 4.000 por riba dos datos rexistrados o ano pasado.

O dato resulta especialmente significativo porque 2025 foi o mellor ano da historia da oficina, con 24.278 persoas atendidas ao longo da tempada de verán. A evolución deste 2026 fai prever que esa marca será superada, consolidando Soutomaior como un dos destinos turísticos con maior capacidade de atracción da provincia.

Este incremento coincide tamén coa ampliación do período de apertura da Oficina de Turismo, que este ano presta servizo desde o 1 de abril ata o 15 de outubro. A maior duración da tempada permite manter a atención durante máis meses e responder ao aumento progresivo de visitantes que escollen o municipio como destino.

Soutomaior, entre as cinco oficinas máis visitadas da provincia

A evolución da oficina municipal tamén queda reflectida nos datos da Rede de Oficinas de Turismo de Turismo Rías Baixas. Durante o pasado ano, Soutomaior situouse no TOP 5 das 32 oficinas integradas nesta rede, atendendo a un volume de visitantes superior ao doutras localidades da provincia.

O ranking estivo encabezado por Baiona, seguida de Vilagarcía de Arousa, a sede de Turismo Rías Baixas en Pontevedra e Tui, mentres que Soutomaior ocupou a quinta posición.

Desde o Concello destacan que este resultado ten aínda máis valor tendo en conta que a oficina soutomaiorense conta cun período de apertura inferior ao doutras instalacións da rede, algunhas das cales permanecen operativas durante todo o ano.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, considera que estas cifras evidencian “o potencial turístico que ten Soutomaior” e defende a necesidade de continuar mellorando a atención ás persoas visitantes.

Cernadas puxo especialmente o foco no Camiño de Santiago como unha oportunidade para impulsar tanto o turismo como a economía local. Neste sentido, salientou o papel da Oficina de Turismo como “esa primeira cara” que atopan os milleiros de peregrinos e peregrinas que atravesan o municipio.

A responsable municipal sinalou que o obxectivo vai máis alá de ofrecer información turística, xa que se busca que a experiencia das persoas visitantes sexa suficientemente positiva como para que “queiran volver, que repitan e que recomenden Soutomaior como destino turístico”.

Desde o Concello subliñan, ademais, que este incremento de visitantes ten unha repercusión directa na economía local, ao favorecer o consumo no comercio, na hostalaría e no resto de servizos vinculados ao turismo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará