O Concello de Redondela retoma en setembro o programa de Roteiros Ambientais e Culturais, unha iniciativa que busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes o patrimonio natural, histórico e paisaxístico do municipio. A programación, coordinada polas áreas de Turismo e Cultura e de Infraestruturas e Sostibilidade, inclúe un total de oito propostas ao longo do mes.
A primeira actividade terá lugar este venres 4 de setembro, cunha ruta dedicada á Flora e Fauna de Cabeiro, que percorrerá os Montes de Cabeiro entre as 19:00 e as 21:00 horas. Será o punto de partida dun calendario que combina natureza, divulgación e lecer ao aire libre.
A programación continuará o sábado 5 de setembro cun paseo nocturno polo río Maceiras, entre as 21:00 e as 23:00 horas. Ao día seguinte, domingo 6, haberá dúas propostas: a ruta ambiental “O Bosque do Río Fondón”, de 10:00 a 13:00 horas, e unha actividade de kaiak turístico á Portela, de 10:30 a 12:30 horas, cun prezo de 20 euros por persoa.
O programa seguirá o sábado 12 de setembro cun novo paseo nocturno, desta volta pola Punta de Cesantes, entre as 20:30 e as 23:00 horas. O domingo 13 será a quenda da ruta ambiental “O Río Pexegueiro”, na súa versión curta, con saída de 10:00 a 13:00 horas.
Xa o venres 18 de setembro, a programación centrarase na biodiversidade coa actividade de observación de aves limícolas na Senda da Portela, prevista entre as 16:00 e as 18:00 horas. O calendario pecharase o domingo 27 de setembro coa ruta ambiental “Os Montes de Ventosela”, que se desenvolverá de 17:30 a 20:30 horas.
Todas as actividades son gratuítas, agás a saída en kaiak, que ten un custo de 20 euros por persoa. As propostas están deseñadas para diferentes públicos e pretenden favorecer un maior coñecemento do territorio e dos seus valores naturais e culturais.
A concelleira de Turismo e Cultura, Rita Pérez, salienta que o obxectivo é que Redondela se converta nun referente do turismo cultural e de experiencias, combinando o lecer coa aprendizaxe e a posta en valor do patrimonio local.
Pola súa banda, o edil de Sostibilidade, Roberto Villar, destaca a importancia de empregar estes roteiros como ferramenta de sensibilización ambiental e de coñecemento dos ecosistemas do municipio, apostando por un modelo de lecer “sostible e saudable”.
Información e reservas
As persoas interesadas deberán realizar reserva previa na Oficina de Turismo, situada na rúa Isidoro Queimaliños, a través do teléfono 986 401 713 ou do correo electrónico turismo@redondela.gal.










