Hoxe é Xoves 9 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Galería Mínima Expresión amplía en xullo a exposición de Víctor Lorenzo

20260702_193728

Foto de Victor Lorenzo e Afonso Conde (Colectivo Pitrina)

A Galería Mínima Expresión inaugurou durante este mes de xullo a segunda parte da exposición dedicada ao escultor baionés Víctor Lorenzo. Despois de que en xuño o espazo exhibise o Melómano, a escultura creada polo artista para os Premios Martín Códax da Música, a mostra amplíase agora con cinco pezas que permiten afondar no seu universo creativo.

Trátase dunha combinación de esculturas realizadas en diferentes momentos da carreira de Lorenzo, unha selección que ofrece unha visión máis ampla do seu traballo.

A exposición permite descubrir unha obra marcada pola talla directa, a expresividade das figuras humanas e unha relación moi persoal coa madeira. O escultor, autodidacta, recoñece que nunca seguiu os camiños habituais da formación artística. “Empecei xa coa figuración directamente coa motoserra“, explica, lembrando que foi desenvolvendo unha linguaxe propia a partir da experimentación.

A motoserra segue sendo unha das ferramentas características do seu proceso creativo, aínda que matiza que o resultado final require un traballo máis preciso. “Os primeiros cortes fágoos coa motoserra, pero despois o acabado é con gubia”, sinala. Lorenzo destaca ademais a importancia das propias ferramentas na evolución da súa obra, xa que as novas motoserras permiten unha maior precisión que hai anos.

No seu taller traballa principalmente con madeiras como o cedro ou o ciprés, especies que aprecia pola súa estabilidade e comportamento co paso do tempo. “Podo traballar con varias madeiras, pero hai algunhas que me gustan máis, como os cedros, porque practicamente non cambian de cor”, comenta.

Lonxe dunha produción masiva, Lorenzo define o seu ritmo de traballo como pausado. “Son un artista moi lento”, afirma. “Quedo sorprendido coa produción doutros escultores. Eu vou pouco a pouco e tampouco produzo moita obra”. Esa maneira de entender a creación fai que cada peza pase por un longo proceso de reflexión e elaboración antes de darse por rematada. “Ás veces tamén hai que saber cando parar; hai un momento no que a escultura xa funciona”, asegura.

A pesar de ser o autor dos coñecidos Melómanos que reciben cada ano os gañadores dos Premios Martín Códax da Música, Lorenzo explica que procurou separar esa obra do resto da súa produción artística. “O que traio agora non son Melómanos. Seguen a mesma técnica, pero son pezas diferentes”, indica.

Esta é ademais a primeira ocasión na que o escultor expón en Redondela. Recoñece que a proposta do colectivo Pitrina e da Galería Mínima Expresión resultoulle atractiva desde o primeiro momento. “Non son unha persoa que faga moitas exposicións, pero animeime a traer unhas pezas. Como a galería é pequena tampouco supuña un gran problema de transporte”, comenta con humor.

A mostra poderá visitarse durante todo o mes de xullo – e tamén optar a compra- na Galería Mínima Expresión, situada na fachada da DiscoTasca da rúa Pai Crespo, completando así unha exposición dividida en dúas fases que naceu da colaboración entre o colectivo Pitrina e o festival Millo Verde, gañador este ano do Premio Organistrum dos Premios Martín Códax da Música.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará