O festival alternativo que celebrou este ano a súa XIX edición vén de recibir o premio Organistrum, categoría dos Martín Códax que o recoñece como o mellor festival galego. Un recoñecemento que cumpre aquilo de que “a terceira vai a vencida”. Os integrantes da asociación amosaron a súa satisfacción tras recibir o premio na gala celebrada este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.
“Estamos felices de gañar este premio na terceira nominación, un premio que recoñece o traballo que levamos facendo todos estes anos” con esas palabras os integrantes da asociación Millo Verde recibían un galardón que se lles resistira en dúas ocasións anteriores e que dedicaron tamén a todas esas persoas que pasaron pola organización do evento ao longo destes dezanove anos.
Un recoñecemento que chega cando hai tan só uns días estaban inmersos na celebración do XIX edición do festival que tivo lugar na praia de Cesantes os días 21, 22 e 23 de maio cun espírito alternativo e multicultural onde se dan cita bandas e agrupacións de estilos diversos como a música reggae, punk, mestizaxe sen esquecer nunca a música galega.
PALMARÉS:
ROCK E PUNK: Stoned at Pompeii
BLUES, FUNK E SOUL: Allo Negro
ELECTRÓNICA: Galician Army
METAL E HEAVY: Keepers
CANCIÓN DE AUTOR/A: Antía Muíño
MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta
ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá
POP E INDIE: Michu da Rocha
JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos “Amorodios”
MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras
MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India
MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: María Mendoza
MÚSICA FOLK: Abril
MÚSICA TRADICIONAL: Carapaus
BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova
ARTISTA EMERXENTE: Lula Mora
Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia en Concerto
Organistrum SALAS: Sala Capitol
Organistrum FESTIVAIS: Festival Alternativo Millo Verde
PREMIO HONORÍFICO: Los Suaves











