A programación do festival internacional de música de corda contará con 16 concertos de artistas e formacións de Galicia e Escocia. Celebrarase na Illa de San Simón, entre os días 2 e 5 de xullo. As entradas están xa a venda neste enlace.
Ademais do concerto inaugural no Museo do Mar de Vigo no día da inauguración, o cartel inclúe, durante tres días, actuacións nas que se poderán gozar das interpretacións de músicos e formacións galegas e escocesas, e tamén de proxectos que nacen entre a colaboración de profesionais de ambas as dúas culturas, como será o caso de Da Lama & Freyda, Franco & Fraser ou Brío. Dende a organización salientan tamén a presentaza de Alasdair Frase “unha institución da música tradiconal escocesa”.
A maiores destes irmandades musicais, o certame permitirá desfrutar das creacións dos galegos Fernando Barroso, Tonecho Castelos, Xosé Liz, Franco e Miscelánea e dos escoceses Neil Pearlman e Katie Macnally.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou a achega económica da Xunta a este certame internacional de música de corda co que se colabora con 12.000 euros. Así o destacou na presentación no Museo do Mar de Galicia da nova edición desta cita, da que adiantou que estará centrada nos sons de Escocia.
No acto, o director xeral de Cultura puxo en valor este certame, “que desde 2016 ateiga de música a Illa de San Simón, e que promove o achegamento de artistas internacionais de primeiro nivel xunto con talentos emerxentes”. Ademais, incidiu no carácter didáctico desta iniciativa “que fomenta a aprendizaxe a través de aulas especializadas dirixidas a instrumentistas”.









