Hoxe é Luns 25 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O humorista Luis Davila convida a reciclar á veciñanza de Soutomaior

reciclaxe

O ilustrador pontevedrés Luis Davila convértese na imaxe da nova campaña de reciclaxe impulsada polo Concello de Soutomaior e a empresa Urbaser baixo o lema “Conscientes, pensa en verde”, unha iniciativa coa que se pretende avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible de xestión de residuos no municipio e que inclúe a posta en marcha do Punto Verde da Montesiña e a renovación do servizo municipal de recollida de lixo, que comezará a funcionar a finais deste mes de maio. A campaña contará tamén cunha web informativa e unha guía cidadá na que se detallarán os distintos servizos e recursos dispoñibles para a veciñanza.

Durante a presentación, responsables de Urbaser explicaron que o novo contrato suporá unha importante mellora dos medios materiais e humanos destinados ao servizo. A nova flota estará integrada por dous camións de recollida de carga lateral, un camión de carga traseira, unha caixa aberta con plataforma e grúa, un furgón de mantemento, unha furgoneta de inspección e un equipo hidrolimpiador a presión, aos que se sumarán progresivamente outros vehículos especializados para o lavado de colectores e a recollida de residuos.

No referente ao persoal, o servizo contará cun equipo de cinco operarios entre condutores e peóns. Ademais, renovarase por completo o parque de colectores coa instalación de 422 unidades de carga lateral na zona urbana e outras 180 de carga traseira distribuídas polo rural.

Un dos eixos centrais do novo sistema será o Punto Verde da Montesiña, habilitado nas instalacións de Urbaser e dotado dunha oficina de atención cidadá aberta de luns a venres en horario de mañá. Neste espazo poderán depositarse residuos voluminosos, perigosos ou domésticos, excluíndo os materiais explosivos ou sanitarios. A maiores, o Concello ofrecerá un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio todos os xoves, previa solicitude telefónica.

Tamén continuará activo o servizo de recollida de restos de poda, que permitirá ás persoas usuarias solicitar unha “big bag” gratuíta para almacenar os residuos vexetais antes da súa retirada e posterior reutilización como material estruturante para compostaxe.

Outro dos aspectos destacados da campaña será o reforzo da reciclaxe orgánica. Para iso, o Concello apostará pola implantación de tarxetas electrónicas de acceso aos colectores, substituíndo as actuais chaves mecánicas. Esta tecnoloxía será desenvolvida pola empresa local Formato Verde, especializada en sistemas de control de acceso e xestión intelixente de residuos.

A iniciativa completarase coa revitalización do centro de compostaxe comunitaria da rúa Outeiriño, a creación dun novo espazo destas características nos vindeiros meses e a distribución gratuíta de composteiros individuais para as vivendas con horta que o soliciten.

No acto tamén se puxo en valor o punto limpo de proximidade situado no Multiúsos de Arcade, destinado á recollida de pequenos residuos como pilas, baterías, pinturas, fluorescentes ou roupa usada. Debido á boa acollida deste servizo, o Concello anunciou a instalación dunha segunda unidade proximamente.

Por último, lembrouse a importancia do servizo de recollida porta a porta de cartón comercial, que xa funciona os luns, mércores e venres, facendo especial fincapé na necesidade de depositar o cartón correctamente dobrado para optimizar a súa reciclaxe.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará