A Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” continúa durante este mes de maio coa súa programación de animación á lectura e dinamización da lingua galega cunha semana de actividades que inclúe o obradoiro divulgativo “Lupus desde o pupitre – Lúa fala do lupus”, o espectáculo infantil “Viaxa cos libros” de Manuel Solla Barragáns e a actuación do actor e contador Avelino González co seu espectáculo “Contos pra contar cartos”, que terá lugar o sábado 23 de maio na Praza do Concello.
A Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” desenvolve durante este mes de maio unha ampla programación de actividades culturais, educativas e de dinamización da lingua galega, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas e con distintas iniciativas de sensibilización social.
Dentro desta programación, organizan o espectáculo “Contos pra contar cartos”, protagonizado polo coñecido actor, contador e monologuista galego Avelino González, que terá lugar o vindeiro sábado 23 de maio ás 17:00 horas na Praza do Concello, no marco da III Festa dos Nosos Maiores.
Unha proposta chea de humor, tradición oral e participación do público na que González ofrecerá un feixe de historias e contos populares que combinan ironía, retranca e memoria colectiva, nun espectáculo pensado para facer rir e desfrutar a persoas de todas as idades.
Este evento forma parte do programa de animación á lectura e dinamización da lingua galega impulsado pola Biblioteca Municipal, dependente da Concellería de Cultura do Concello de Pazos de Borbén, e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra a través do circuíto provincial “+Escénicas 2026”.









