Alumnado do IES Illa de San Simón e do IES Pedro Floriani representan a Galicia o 19 de maio na final estatal de “Un reto pola ciencia”, unha iniciativa impulsada pola Fundación Sener que chega por primeira vez a Galicia da man da enxeñeira aeroespacial redondelá Xunqueira Ézara.
En total, once estudantes dos dous centros —cinco do Pedro Floriani e seis do Illa de San Simón— lograron clasificarse para a fase final grazas a proxectos centrados na tecnoloxía, a sustentabilidade e a enxeñería espacial. Entre as propostas seleccionadas destacan solucións para a reutilización do CO₂ en invernadoiros ou sistemas de comunicación espacial mediante tecnoloxía láser.
No caso do IES Illa de San Simón, o proxecto finalista naceu arredor dun dos grandes retos ambientais actuais: a redución das emisións contaminantes. Helena, Uxúe, Ana, Almudena, Zoe e Lía, de 2º da ESO, clasificáronse para a final cunha proposta para captar o CO₂, almacenalo e reutilizalo posteriormente en empresas dedicadas á carga de extintores.
A idea foi evolucionando ao longo de varios meses de traballo, no que tiveron que enfrontarse non só á parte científica, senón tamén a cuestións de viabilidade empresarial, marketing ou planificación económica.
O obxectivo era presentar unha solución “como se fose unha empresa real”, explicaban as docentes Susana Taboada e Susana Vargas, profesoras do departamento de Tecnoloxía. De feito, o equipo mesmo creou a súa propia marca: “Luhaz”, un nome formado coas iniciais das participantes. “Eran retos moi difíciles e bastante avanzados para os coñecementos que se traballan nesta etapa, pero sabiamos que estas rapazas tiñan ganas de traballar e darían todo o que teñen”, sinalaban.
Ao longo do proceso, o alumnado contou tamén co asesoramento de profesionais da empresa Sener e da propia Xunqueira Ézara, que actuou como madriña da iniciativa. “Ver persoas reais traballando nisto axuda moito máis a entender as cousas”, explicaban as alumnas. Para as docentes a proposta destaca tamén por estar liderada por mulleres pois “na enxeñería seguen faltando referentes femininos e ter unha muller nova, próxima e que chegou tan lonxe fai que as rapazas pensen: eu tamén podo facelo”. Precisamente, a redución da fenda de xénero nas disciplinas STEM é un dos obxectivos centrais do programa.
A final celebrarase nas instalacións do Sincrotrón Alba, en Cerdanyola del Vallès, en Barcelona. Alí, os equipos deberán defender os seus proxectos en apenas cinco minutos diante dun xurado especializado. Ademais, terán a oportunidade de visitar un acelerador de partículas, unha experiencia pouco habitual mesmo para estudantes universitarios.









