Hoxe é Luns 13 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

50 modelos e máis de 350 asistentes celebran a moda primavera-verán no V Primevento de Redondela

1

Redondela viviu onte, domingo 12 de abril, unha xornada de festa e moda coa celebración da quinta edición do Primevento, o desfile organizado polos comerciantes e autónomos locais en colaboración co Concello de Redondela. Debido a previsión de choiva, o evento trasladouse ao Pavillón Municipal da Bomboneira e superou todas as expectativas: participaron 50 modelos (homes, mulleres e nenos) e asistiron ao redor de 350 persoas da vila, enchendo o aforo e desbordando o ambiente de ilusión e apoio ao comercio de proximidade.

“Cada ano funcionamos mellor como equipo e este ano demostramos que podemos solucionar calquera problema que se nos presente e facelo ben”, explicou Merche, de Flores A&M, que forma parte da directiva xunto a Cruz, presentadora e propietaria de KeCruz. “Vendemos todas as entradas moi rápido e, a pesar do mal tempo e ter que cambiar de localización, con moito traballo conseguimos adaptalo ao pavillón porque somos un equipo moi resolutivo. O lado positivo é que aquí cabía máis xente”, engadiu. 

“É importante que a moda se vexa en todo tipo de corpos”, Cruz.

Cruz destacou que “o desfile dos nenos é o máis querido porque o pasan moi ben” e salientou que “o Primevento xa está consolidado nesta quinta edición; a xente xa pregunta por el. No comercio local non hai que estancarse para que a xente non se esqueza de ti. Estamos abertas a calquera comercio de Redondela, non é un evento privado noso, é algo libre e sería moi bo que se unisen máis comercios. Temos incluso unha tenda de Ponteareas como Nua Nú, que confía en nós desde a primeira edición”.

O desfile, que comezou ás 17.00 horas, converteuse unha vez máis no gran protagonista. Como é tradición, foron os propios clientes das tendas participantes os que saíron á pasarela lucindo as novas coleccións de primavera-verán 2026 de moda adulta e infantil, complementos e calzado. A xornada arrincou con forza coa primeira parte do programa: NUA NÚ abriu o desfile, seguida de CLICHÉ CHICOS e CLICHÉ CHICAS, YIRANDOLA (con gafas de sol Tiwi, Polaroid e Vogart para os máis pequenos), ELLOS MODA HOMBRE e KECRUZ. O público aplaudiu con entusiasmo cada saída, especialmente os modelos máis pequenos de Yirandola e os elegantes looks de cerimonia de NUA NÚ e ELLOS MODA HOMBRE.

“Estamos abertos a calquera comercio de Redondela e o importante é non estancarse”, directiva.

Tras unha pequena pausa, o Coro Tradicional “Tirapuxa” de San Vicente de Trasmañó puxo a nota musical galega antes de retomar o desfile. A segunda parte estivo chea de enerxía e rematou co gran final de XEITOSIÑA, que este ano foi a encargada de pechar o evento cunha proposta creativa feita a man sobre o Entroido. Conchi, da mercería Xeitosiña explicou a orixe da idea: “A idea xurdiu porque en Redondela o Entroido é algo que aos choqueiros levamos dentro. Entón queriamos facer algo diferente. O meu modelo foi Candi da Zapatería Candi e é unha persoa fóra do normal, mellor modelo imposible de ter”.

Os 50 modelos, entre eles moitas caras coñecidas da vila, brillaron con naturalidade e elegancia. Noa, de Cliché, que participaba por primeira vez, non agochou a súa emoción: “Estou súper contenta porque nunca pensei participar nun desfile. Puidemos lucir a nosa roupa, todo estaba súper ben organizado, a decoración gustoume un montón. Para o ano esperemos que sexa mellor. E o positivo é que houbo máis xente, estaba cheo”. A tenda apostou por un estilo “casual”, con vestidos versátiles para o día a día e eventos, e looks modernos e informais para homes.

Non faltou o coidado da imaxe. Carmen, da Peluquería Carmen, e Begoña, da Peluquería Villaverde, peinaron a todos os modelos desde as 10.00 horas da mañá. “Cada ano vai a máis e estamos encantadas. A pesar do cambio de localización de última hora, todo o mundo quedou contento. Animamos a todos os comercios de Redondela a sumarse ao evento, que o facemos con todo o cariño para a xente de Redondela”, dixeron. Agradeceron o esforzo do seu equipo e recomendaron este ano “as melenas lisas, as ondas naturais e o pelo solto e longo, tanto para bodas e eventos como para o día a día, pero sempre adaptándose ao corte do vestido e ao estilo da clienta”.

A maquillaxe correu a cargo de Alejandra, do Centro de Estética Trisquel, que forma parte da comisión organizadora desde o primeiro ano: “Estivemos maquillando a máis de 30 persoas desde as 10.00 horas da mañá. É moito traballo, pero é un traballo moi lindo. É moi agradable ver todo o proceso e poder participar. Encántanos axudar e formar parte disto, e por moitos anos máis”.

Tampouco faltou a música sorpresa. Xulio Lorenzo, de Café do Mercado abriu o desfile tocando unha peza coa gaita: “Este é o segundo ano que estamos aquí. É unha experiencia moi boa. Despois de dous anos sen tocar  gustoume a sensación de facelo no evento e penso que en breve haberá que retomar os directos”.

Tamén colaboraron un ano máis coa ONG DaMan cun stand para recadar fondos.

Laura, directora de General Óptica na Praza José Figueroa, valorou a participación da óptica, que xa leva tres anos no Primevento: “Cada ano con máis modelos. Este ano déronnos coleccións completas de diferentes marcas. Estamos encantados de participar porque cremos que a nivel local é maravilloso que todo o pobo colabore. Este ano están de moda as lentes transparentes e de cores, os tons pastel e as gafas estreitas. Pero, como optometrista, lembro que as transparentes non protexen do sol como as de categoría 3; non as levedes á praia ás 3 da tarde porque non estamos protexidos da radiación”.

Ao remate do desfile, a Rondalla de Redondela amenizou a noite. Bebidas e pinchos circularon entre os asistentes, que prolongaron o ambiente festivo ata as 22.00 horas. O pavillón converteuse nun punto de encontro onde veciños, clientes e comerciantes celebraron xuntos o éxito dun evento que xa é un referente.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará