Hoxe é Sábado 11 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cuni Orge e Uxía Vilas “Queremos recuperar o atractivo do Centro como espazo de encontro social”

centor 1

O Centro Recreativo e Cultural de Redondela afronta unha nova etapa coa chegada dunha renovada xunta directiva encabezada por Cuni Orge, á fronte dun equipo de dez persoas. Ao seu lado, Uxía Vilas ocupa a vicepresidencia nun proxecto que ten como principal obxectivo devolverlle á entidade o seu protagonismo como punto de encontro social e cultural da vila.

A nova directiva aposta por abrir o centro ao conxunto da cidadanía e ampliar a súa oferta lúdico-cultural, sen deixar de lado as actividades que xa se desenvolven na actualidade. “Queremos recuperar o atractivo do Centro como espazo de socialización e entretemento”, sinalan, facendo fincapé na necesidade de fomentar o lecer presencial fronte ao crecente peso do ámbito dixital.

Entre as primeiras medidas destaca a intención de relanzar a cafetaría. Para iso, está previsto pechar un acordo cun hostaleiro local que permita transformar este espazo nun lugar acolledor e dinámico, no que teñan cabida concertos e diferentes propostas culturais. A reforma da zona buscará convertela nun dos motores da actividade social da entidade.

Fundado en 1952 e situado na céntrica rúa Ernestina Otero, o Centro Recreativo foi durante décadas un referente do ocio e da vida cultural en Redondela. Porén, os cambios sociais e nos hábitos de consumo do lecer provocaron unha progresiva perda de socios, obrigando á entidade a afrontar etapas complexas para manter un edificio de máis de 2.000 metros cadrados distribuídos en seis plantas.

Con todo, a incorporación de novas actividades formativas e a posta en marcha dun ximnasio permitiron manter unha base social que supera as 500 persoas. Agora, o reto pasa por ampliar esa masa social e atraer novos públicos, cunha programación pensada para todas as idades e cunha especial atención a colectivos como os maiores e a mocidade adolescente.

A directiva ten claro que un dos primeiros pasos será dar a coñecer o centro á veciñanza. Con este propósito, organizaranse nas vindeiras semanas diferentes xornadas de portas abertas que permitirán achegar a entidade ao público e amosar as súas instalacións e actividades.

A primeira das iniciativas será unha cea o próximo 2 de maio, coincidindo coa celebración do Día da Nai, que contará coa actuación da Rondalla de Redondela. Un evento co que se pretende iniciar unha nova programación orientada a recuperar o espírito de convivencia e participación que marcou a historia do Centro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará