Foto do Colectivo Republicano de Redondela
O Colectivo Republicano de Redondela vén de dar a coñecer o seu calendario de actos para o mes de abril co gallo do aniversario da II República, unha programación que está dedicada por completo á memoria de dúas figuras importantes para a entidade: Angel Barros e o antigo presidente Félix Cal.
Segundo os membros do colectivo: Juan Morta, Shakira Bouzón e Juan Manuel Alfaya Ocampo a intención é facer “unha pequena homenaxe a ambos e estes actos van dedicados a eles”. De feito, nas redes sociais do colectivo xa se pode ver un vídeo audiovisual sobre a vida de Barros e Félix Cal.
A actividade arranca o venres 10 de abril coa conferencia “Violencia contra a muller: o camiño da denuncia”, que terá lugar ás 19:30 horas no Multiusos da Xunqueira de Redondela. Participarán a escritora e activista Elena Comesaña Estévez, a axente de Policía Nacional Natalia Feijoo Álvarez (adscrita á UFAM, unidade de atención á familia e á muller, na zona Vigo-Redondela) e a maxistrada Belén Rubido de la Torre.
Shakira Bouzón detallou o contido: “Tratarase do trámite que se segue no momento no que unha muller decide denunciar: como actúa a policía e despois dentro do ámbito xudicial”. A xornada rematará cun coloquio aberto ao público, onde se admitirán preguntas orais e tamén por escrito “para protexer a intimidade das mulleres que queiran falar”, engadiu.
O colectivo quixo deixar claro que esta iniciativa non pretende substituír nin competir co movemento feminista. “Non queremos, baixo ningún concepto, suplantar a súa labor, porque o feminismo é o motor que pon en marcha todas as directrices e todas as actuacións. Actuaremos como axudantes para a divulgación”, explican. O obxectivo é fundamentalmente informativo “para que a xente, especialmente a muller, saiba o que ten que facer cando se atopa ante unha agresión sexual ou un maltrato”.
O sábado 11 de abril chega o xantar popular, un dos actos máis esperados pola súa dimensión social e festiva. O domingo 12 de abril celebraranse as tradicionais ofrendas florais. Ás 12:30 horas, no alto da Cuncheira, coa presenza de representantes do Ateneo Republicano de Vigo e da Asamblea Republicana de Vigo. Ás 17:30 h na fosa común do cemiterio dos Eidos e rematarán o acto na Praza da Segunda República, como é habitual.
O martes 21 de abril o programa propón un coloquio arredor do libro Visto para sentenza, de José Antonio Martín Pallín, xuíz emérito do Tribunal Supremo e republicano. “Non queremos que sexa unha simple presentación de libro, senón un coloquio sobre as distintas materias do contido e sobre o seu pensamento en xeral”, explicou Alfaya Ocampo, que exercerá de moderador xunto con tres avogados e avagadas locais: Cristina Rodríguez, Begoña Gallego e Luis Jorge.
O encontro será aberto ao público e evitará tecnicismos xurídicos. “José Antonio é unha persoa moi aberta que sabe como ten que falar segundo o público. O libro é divulgativo e trata temas de actualidade como o principio de xustiza universal, a lei de amnistía ou a selección dos xuíces”, engaden.
Shakira Bouzón, como voceira da xeración máis nova do colectivo, fixo unha reflexión persoal sobre o futuro: “A min gustaríame que se trataran tamén temas como o impacto das redes sociais na capacidade de concentración e na saúde mental, e que se fagan máis actos relacionados co feminismo. Porque cando penso na Segunda República tamén penso nas mulleres: grazas a ela conseguíronse no seu momento dereitos como o sufraxio. Como colectivo republicano está ben que teñamos en conta as mulleres e que se fagan actos informativos que lles axuden a perder o medo e a ter o seu papel”.
O colectivo tamén avanzou que o 9 de maio contarán con Ignacio Ramonet (nacido en Redondela, exdirector xeral de Le Monde Diplomatique e recoñecido xornalista internacional), que impartirá unha charla sobre a nova xeopolítica mundial.










