Os cursos realizaranse nos meses de maio e xuño en Redondela e Chapela. Completamente de balde, están abertos ao público en xeral e ofrecen formación en diferentes especialidades, como edición de vídeos, fotografía, trámites en liña e firma electrónica, Presentacións Multimedia, Ofimática e Competencias Dixitais Básicas para persoas maiores.
A concellería de Novas Tecnoloxías oferta máis de 100 prazas gratuítas para participar nestes cursos. O obxectivo é “facilitar a formación dos veciños e veciñas nun sector que está en continuo crecemento” así como promover a alfabetización dixital “naqueles sectores da poboación que teñen máis dificultades no mundo tecnolóxico” explica o concelleiro Antonio Cabaleiro.
A formación impartirase nas Aulas CeMIT de Redondela e Chapela e abarcan diferentes ámbitos da informática.
As instancias para participar nos cursos pódense descargar na páxina web de Redondela (www.redondela.gal), no Centro de Formación A Marisma (ao carón da piscina municipal) e no multiúsos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais. As solicitudes xunto coa documentación necesaria presentaranse nos rexistros habilitados no Concello de Redondela. A selección será por orde de inscrición.
As formacións inclúen un curso de Collage e álbum de fotos con OnlyOffice, un curso de edición de vídeo con Openshot, formación en trámites online, Identidade Dixital e firma electrónica e, durante os venres de maio talleres para adultos para que realicen consultas e resolvan as súas dúbidas.
Haberá tamén formación en competencias dixitais básicas con tablets e manexo e realización de presentacións multimedia con Canva.









