O último espectáculo da compañía redondelá recolleu o galardón na gala dos XXX Premios de teatro María Casares celebrada este mércores no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A obra Reconversión da compañía Ibuprofeno Teatro foi a gran triunfadora ao facerse cun total de seis galardóns, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica de Tanxarina recibiu o premio como mellor espectáculo de monicreques. A súa representación poderémola ver en breve no noso concello xa que será a encargada de abrir a programación de sala do Festival de Títeres.
Un galardón que os integrantes da compañía, Miguel Borines, Andres Giráldez e Eduardo Rodríguez Cunha Tatán recibían, como non podía ser doutro xeito, con alegría e satisfacción porque “é moi gratificante que a profesión recoñeza e aplauda o noso traballo”. Agradecía tamén Tatán a aposta que Galaxia fixo por Tanxarina ao encargarlles que crearan unha obra a partir da novela de Carlos Labraña para conmemorar o 75 aniversario da editorial.
Unha obra chea de aventuras, cancións e humor, nas que se mesturan diferentes personaxes da literatura infantil galega co obxecto de defender a lectura e a imaxinación fronte a unha intelixencia artificial que ameaza a fantasía. Dirixida a centros de ensino e público familiar a obra narra a historia dun rato que coida da súa biblioteca galáctica e descobre que unha ameaza se cerne sobre os personaxes dos seus libros infantís. Nunha loita contra o reloxo, o rato, Ramón Lamote e Sara deberán enfrontarse ao malvado profesor Smith e o seu IA fantástica para liberar aos seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado.
Unha obra que é un canto á amizade, a solidariedade e a defensa dos libros, a lectura e a palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía. Unha comedia con aventuras, cancións e moito humor que dende hai un ano está a percorrer colexios e teatro e que en breve poderemos ver en Redondela, xa que forma parte da programación do festival Internacional de títeres que se celebra entre o 11 e o 17 de maio.
Un premio que Tatán recollía onte en nome da compañía redondelá nunha gala que tivo como fío condutor a figura e obra do dramaturgo galego Manuel Lourenzo, finado o pasado ano.













