Hoxe é Mércores 8 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Club Kickboxing Arcade reafirma o seu dominio con 10 clasificados para o nacional

foto asturias.jpg

Deportistas do Kickboxing Arcade en Asturias

O Club de Kickboxing Arcade, dirixido por Manuel Álvarez segue dominando o panorama autonómico e nacional con resultados que consolidan o club como un dos máis potentes de Galicia e con proxección internacional. A finais de marzo un pequeno grupo de oito alumnos viaxou a Asturias para o clasificatorio do Campionato de España. O balance foi espectacular: 7 oros, 5 pratas e 3 bronces.

Deses resultados saíron seis novos seleccionados que, xunto aos catro xa preseleccionados, suman dez deportistas do club para os nacionais deste ano. Entre eles, Cael Andrew, Álex Cabaleiro, Martín Martínez e Anxo Martínez, que xa posan xunto aos seleccionadores nacionais.

O domingo 22 de marzo, no Trofeo Kickboxing Cocido de Lalín, o club levou un equipo de 25 participantes e voulveuse a converter no club con maior medalleiro do evento: 27 oros, 15 pratas e 9 bronces. Moitos dos oros foron duplicados, pois varios deportistas competiron en dúas modalidades (Pointfighting e Light Contact). Destacan nomes como Dylan Santoro, Óscar Raña, Miguel e Daniel Amoedo, Luca e Izan Bouzón, Martín Figueiroa, David Durán, Lidia Leiro, Mia Sofía, Cael Andrew ou Javier, entre outros, que acadaron dúas medallas de ouro cada un.

Álvarez non esconde o orgullo: “Levamos 25 rapaces e quedamos como o club con máis medalleiro. Significa que algo estamos facendo ben para que os nosos deportistas destaquen a nivel nacional e, xa, internacional”.

O club tamén celebra o recente paso de Cael Andrew pola Copa do Mundo en Italia (en febreiro). Despois de case 40 participantes de diferentes países, o pontevedrés rematou no quinto posto, a un paso do podio. Un erro do árbitro central privouno de subir ao terceiro posto, tras enfrontarse a Italia, Hungría, Alemaña e Eslovenia. “Esperamos que a Federación Española siga contando con Cael para a selección e aí demostrar o gran potencial que ten”, desexa Álvarez.

Cael formou parte da concentración da Selección Española o 28 de marzo, xunto a outros catro compañeiros do club, preparando o Mundial Cadete e Junior que se celebrará en Italia a mediados de setembro. “Convocaron os mellores medallistas do ano anterior. Esperemos que este ano siga e os outros catro polo menos leven a experiencia”, engade o presidente.

O club non se conforma. Álvarez sinala que o obxectivo é “igualar ou superar” os resultados dos últimos anos: “Se podemos superarnos a nivel internacional, intentámolo”. Entre as citas máis próximas figuran o Campionato de España de xuño en Madrid  e a posible Copa do Mundo en Austria a finais de agosto.

A nivel interno, o club estuda incorporar máis técnicos: “Está crecendo e a xente quere máis días e máis horas de adestramento para competir a nivel internacional”.  

Por último, o adestrador deixou un consello claro para os seus deportistas: “O esforzo e a dedicación traen recompensa. A nivel nacional e internacional poden conseguir o recoñecemento de deportista de alto nivel (DEGAN), axudas económicas, facilidades nos estudos e incluso apoio para conciliar traballo e adestramento”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará