As dúas formacións, chegadas dende Santiago de Compostela e a Guarda, participarán este sábado 11 de abril nun concerto que se desenvolverá a partir das 21:30 horas na Feira do gando de Redondela. O público asistente será quen decida cos seus votos o gañador desta edición que se fará así cos 500 euros do premio ademais de facerse un oco no cartel do Festival alternativo Millo Verde que se desenvolverá os días 21, 22 e 23 de maio na praia de Cesantes.
A final do concurso de maquetas está enmarcada dentro dun programa máis amplo de actividades en colaboración cos organizadores do Artelixo e contará tamén coa actuación da banda Black Mambas.
O Concurso de Maquetas do Festival Millo Verde volve dar a oportunidade a unha banda galega para darse a coñecer e formar parte dun cartel consolidade como é o do Festival que se celebra no vindeiro mes de maio. Nesta ocasión as bandas finalistas son Muaré, unha formación chegada dende Santiago de Compostela que adoita moverse entre o indie e o rock alternativo, cun son coidado e actual. O outro grupo clasificado é a formación guardesa Boogies que achegará aos escenario un estilo máis enérxico, achegado ao garage rock e ritmos máis bailables.
Ambas chegan á final tras superar fases previas do concurso, nas que o xurado valorou tanto a calidade musical como a proxección artística.
A final como xa é habitual terá lugar na Feira do gando de Redondela. Un concerto no que non hai xurado profesional e será o público quen decida o grupo gañador mediante votación directa. Sortearanse ademais duas entradas para asistir ao XIX Festival Alternativo Millo Verde. Unha xornada que se celebra en colaboración co Artelixo, así dende as 16:30 haberá actividades para todos os públicos. A primeira será o obralixo na que os participantes crearán pequenos teares con materiais de refugallo a partir de redes de pesca que finalmente uniranse para crear un gran tear colaborativo.
A continuación, sobre as seis da tarde, chegará o SonaLixo que conta xa con varias bandas confirmadas: paciencia Paradise, SPT (societyispurityofterror), txavalada, Autofelación matutina e Eskombro dominicano.









