O Colectivo Republicano rende unha emotiva homenaxe a dous dos seus membros falecidos recentemente, Ángel Barros e Félix Cal. A través dun vídeo publicado nas súas redes sociais, a entidade despide “a dous dos fillos máis ilustres de Redondela”.
O fotógrafo Félix Cal, falecido o pasado 23 de marzo, e o pintor e restaurador Ángel Barros, quen nos deixaba o mércores 1 de abril, son lembrados nun pequeno audiovisual que pon en valor as súas vidas. Dende o colectivo salientan que ambos “dende o compromiso e a arte axudaron a construír a memoria digna da nosa vila”, destacando dúas traxectorias unidas por un mesmo ideal: “a xustiza, a liberdade e a beleza como ferramentas de transformación”.
De Ángel Barros (1935–2026), definido como “o mestre que restaurou a historia”, subliñan unha infancia marcada pola represión franquista. A arte converteuse para el nunha forma de resistencia e nunha ferramenta en defensa da cultura e da autodeterminación dos pobos. Destacan tamén a súa decisión de legar a súa obra a Redondela para as futuras xeracións.
Pola súa banda, Félix Cal (1956–2026), falecido a finais de marzo, é lembrado como o “retratista da dignidade”. Terceira xeración dunha saga familiar, salientan o seu espírito loitador “incansable contra a inxustiza”.
Dende o colectivo subliñan que tanto Ángel Barros como Félix Cal constitúen un exemplo para a cidadanía, non só pola súa traxectoria profesional senón tamén pola súa calidade humana. “Dous homes que levaron con orgullo a bandeira da República e que loitaron ata o final denunciando a guerra e o xenocidio en Palestina”.
Un vídeo que se pecha cun emotivo “hoxe Redondela é un pouco máis gris, pero os seus legados é eterno”.









