Hoxe é Xoves 2 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mar Vázquez achega a historia da súa vida e a súa transición no libro “Toda unha vida no corpo dun home”

WhatsApp Image 2026-04-01 at 19.07.22

Coincidindo co Día Internacional da Visibilidade Trans, Mar Vázquez (atleta de Redondela de 61 anos) reivindica a importancia do respecto en “tempos difíciles” e ábrese de cheo a través da súa autobiografía “Toda unha vida no corpo dun home”.

“Antes este día nin sequera o tiña marcado no calendario”, recoñece Mar . “Tiña outra vida, outras circunstancias. Agora si é importante, pero non só hoxe: eu creo que son importantes os 365 días do ano. Para que a xente vexa que estamos aquí, que existimos, que non somos bichos raros nin persoas enfermas. Somos persoas que, por desgracia, nacemos no corpo equivocado. Eu nacín home biolóxico, pero sempre fun muller e lesbiana por dentro”.

O libro, escrito en primeira persoa e con unha linguaxe directa e sincera, repasa toda a súa vida: desde o nacemento, pasando pola infancia, a adolescencia, o bar do seu pai, a Academia da Garda Civil e os anos na Comandancia de Pontevedra, ata a súa carreira deportiva de alto nivel –con marcas case olímpicas en maratón (2h22) e media maratón (1h07)– e, finalmente, o proceso de transición. “Son nove veces que estiven a piques de morrer, por accidentes e polos meus traballos. Pero a maior loita foi interna, ainda así recalco que non eres menos muller trans por non operarte”, aclara.

Mar non adoita falar de odio, pero hoxe quixo lembrar o sucedido hai poucas semanas: “Igual que pasou coa agresión a unha muller trans en Pontevedra ou o asasinato de Samuel en Coruña temos que darnos conta de que a sociedade ten que cambiar. A xente non entende que isto non é un capricho, non é unha moda. Non o escollemos. Nacemos así e, por circunstancias da vida, eu non puiden facer a transición antes. Ogallá puidese facela aos 18 anos eestaría sendo moito máis feliz do que fun ata hoxe”.

No libro detalla tamén os pasos concretos da súa transición que empezou fai catro anos: a hormonación (empezou hai exactamente catro anos), a operación da noz de Adán, a orquiectomía e, sobre todo, o que ela considera o máis duro: dous anos e pico de depilación eléctrica facial e corporal. “Chorei o que non está escrito”. Tamén fala da logopedia para cambiar a voz, das clases para aprender a andar “como unha muller” (practicaba na praia mirando as pisadas) e dos cambios emocionais: “Ao principio da hormonación eran brutais. Choraba sen motivo, tiña sofocos… Agora o corpo xa se vai estabilizando, pero aínda teño picos. Son cousas que nos pasan ás mulleres e estou moi feliz”.

Un dos aspectos que máis sorprende é a súa postura no deporte. Mar segue competindo, pero sempre na categoría masculina. “Nunca competiría contra as mulleres, considéroo inxusto. Hai estudos que din que despois de tres ou catro anos se equiparan as forzas… pero iso é para xente que non fai deporte. Eu teño 0,07 de testosterona, dentro do rango feminino, pero teño un historial de atleta de elite e masa muscular que non se perde da noite para o día. Por iso sempre pido que me poñan na masculina, aínda que a miña ficha federativa sexa feminina”.

Fai pouco máis dun mes quedou terceira no Campionato Galego de pista curta nos 3.000 metros. “Quero seguir subindo podios, pero con xustiza”, di con orgullo.

A aceptación social tamén forma parte da historia: “Houbo un pouco de medo ao principio, pero a maioría aceptoume. Sigo sendo a mesma persoa: corro, buceo, vivo coa miña muller… O único que cambiou foi o meu aspecto e a miña voz. O meu cerebro é o mesmo”. Perdeu algunhas amizades, pero gañou moito máis: “Quen me quere, segue aquí. Eu quero vivir o que me queda de vida o máis feliz posible”.

Mar remata con mensaxe clara: “Nunca é tarde. Hai mulleres que o fixeron aos 80 e 90 anos. A transición non é fácil, require cartos, apoio e moito traballo, pero abre portas no cerebro que tiñas semicerradas. É como volver a nacer. E o máis bonito é que, cando te sentes libre, empezas a comportarte como realmente es e a xente xa non ve o home que fuches, senón a muller que sempre fuches”.

O libro Toda a vida no corpo dun home está xa á venda e, segundo a propia autora, o seu obxectivo é sinxelo: “Contar a historia para que a xente entenda, para derribar prexuízos e para que quen estea pasando polo mesmo saiba que non está soa. Porque as historias, cando se transmiten, é cando realmente se entenden as cousas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará