A liquidación do orzamento deixa ademais un remanente de tesourería para gastos xerais que ascende a máis de 1,8 millóns de euros o que permitirá ao goberno local destinar estes fondos a novos investimentos de interese veciñal. Destacan como exemplo da boa situación económica do concello o feito de que o período medio de pago a provedores é de 7 días.
O Goberno Local de Soutomaior consolida o crecemento económico coa liquidación do orzamento do 2025. Unhas contas que medraron nun 75,12% con respecto ao orzamento inicial pasando dos 6,2 millóns de euros ata chegar aos preto de 10 millóns de euros de orzamento do pasado ano.
Trátase, segundo dixo o alcalde “da mellor situación económica da historia do concello de Soutomaior”. Uns datos que se deben “a boa xestión económica do concello que, grazas ao traballo realizado dende o Goberno Local e o funcinariado acadou preto de 2,5 millóns de euros de subvencións públicas doutras administracións que, xunto coas achegas municipais, permitiron realizar actuacións por un importe de preto de 3,5 millóns de euros” engadiu Lourenzo.
Estas contas amosan que o resultado final do exercicio do 2025 é positivo en máis de 404 mil euros, o remanente de tesourería para gastos xerais ascende a máis de 1,8 millóns de euros e o período medio de pago a provedores é de 7 días. O Goberno Local de Soutomaior cumpre, ademais, co obxectivo de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto e ten 0 euros de débeda financieira.









