O artista redondelán Ángel Barros, veciño de Reboreda, faleceu este mércores aos 90 anos de idade. A súa obra, marcada por unha mirada crítica sobre a realidade, mantívose activa ata os seus últimos anos. Unha das súas exposicións máis recentes puido verse no Multiusos da Xunqueira baixo o título “A luz da arte en tempos de xenocidio”, onde plasmaba, a través dos seus cadros, unha reflexión sobre a actualidade centrada en Gaza, establecendo paralelismos entre a loita palestina e a defensa da República durante a Guerra Civil. Para Barros, a arte foi sempre unha forma de resistencia e unha ferramenta en defensa da cultura e a autodeterminación dos pobos.
Nacido en Redondela en 1935 a súa vida estivo profundamente marcada pola represión franquista. O seu irmán Manolo Barros, militante comunista, entrou preso en San Simón con 15 anos. O seu pai, que fora dirixente da Sociedade de Mariñeiros, morreu como miliciano en Euskadi nun bombardeo mentres facía parte dun corredor humanitario. Aquela infancia gris, atravesada pola guerra e a precariedade, encontrou na arte un refuxio e unha esperanza.
Tras emigrar e traballar en distintos países de América e Europa en oficios afastados en moitas veces da creación artística, Ángel Barros logrou abrirse camiño ata converterse en responsable do obradoiro de restauración do Ministerio de Cultura de Francia. Dende esa posición traballou directamente na restauración dalgunhas das obras máis emblemáticas conservadas no Museo do Louvre, unha experiencia que marcaría fondamente a súa visión sobre o mundo da arte, as elites culturais e as condicións laborais, sen esquecer nunca o seu pasado vinculado a Guerra Civil.
No ano 2024, donou case 150 obras (valoradas en máis de 300.000 euros) ao Concello de Redondela co desexo de que a arte fose máis accesible para a cidadanía coa súa exposición nun futuro museo da localidade.
Hai dous anos constituíuse na súa vila natal unha asociación co obxecto de velar polo legado de Barros e impulsar o compromiso do Concello para outorgarlle a súa obra un lugar de conservación axeitado.
Dende a entidade destacan que a vida de Ángel Barros constitúe un exemplo para a cidadanía, salientando tanto a súa traxectoria profesional como a súa calidade humana.









