As asociacións, colectivos e veciños teñen ata o 21 de abril para anotarse no rexistro municipal ou sede electrónica. As agrupación participantes recibirán unha axuda de 200 euros por participar ademais de poder optar aos tradicionais premios de mellor maios artístico e tadicional, mellores coplas e mellor interpretación. Os primeiros clasificados en cada categoría recibirán 300, 250 e 200 euros respectivamente.
Redondela prepárase para vivir a tradicional Festa dos Maios. O Concello vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o concurso de figuras e coplas, convidando a toda a veciñanza, asociacións e colectivos a ser partícipes desta explosión de arte natural e retranca que terá o seu día grande o vindeiro 1 de maio.
Co obxecto de animar á participación o concello mantén as axudas directas por concorrer ao certame. Así, cada grupo que presente un maio ao concurso recibirá unha subvención de 200 euros, co obxectivo de sufragar os gastos de elaboración.
O prazo para formalizar a participación estará aberto ata o vindeiro 21 de abril. As entidades interesadas poden realizar o trámite de xeito presencial no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal.
Categorías e Premios
O certame volverá contar con catro categorías competitivas: Maio Tradicional, Maio Artístico, Copla e Interpretación. Para cada unha delas, establécense premios de 300 euros para o 1º clasificado, 250 euros para o 2º e 200 euros para o 3º. En total, o Concello outorgará 12 premios que recoñecerán tanto a calidade plástica das figuras (feitas con elementos naturais como fiuncho, flores, laranxas ou ovos) como o enxeño e a crítica social das coplas cantadas ao ritmo das castañolas.










