A Xunta de Galicia vén de aprobar o seu novo Nomenclátor no que se modifica o nome de doce municipios, sendo o máis destacado a desaparición do Ñ de A Cañiza que pasa a ser A Caniza. Máis próximo a nós atopamos o cambio no nome da parroquia de Pazos de Borbén que pasa de Moscoso a Moscoxo, unha decisión non exenta de debate entre os seus veciños e que busca reverter a súa castelanización.
Xa é oficial. Este luns a Xunta aprobou o novo Nomenclátor de Galicia 2026 que, entre outras novidades, inclúe cambios nos nomes de 12 concellos e 182 parroquias. Entre estas últimas atopamos a decisión definitiva sobre o debate xurdido en Pazos de Borbén logo de que se tivera constancia dun posible cambio de denominación no nome dunha das súas parroquias. Argumentando a necesidade de reverter a súa castelanización Moscoso para a ser moscoxo recuperando oficialmente o “X”.
Un cambio que está a xerar un forte debate na parroquia entre os que defenden que dende sempre o uso común foi Moscoso ou que en todos os documentos existentes este nome está escrito exclusivamente con “S” e os que argumentan xusto o contrario. É dicir, que os nomes galegos foron deturpados e castelanizados durante séculos e que o que hoxe moitos veciños e veciñas perciben como o nome de toda a vida é, en realidade, unha tradución forzada ou unha deturpación que quedou fixada nun papel por funcionarios que non falaban galego ou que adaptaban a realidade galega ás normas do castelán.
En todo caso, o debate quedou resolto neste caso pola decisión da Xunta que establece como válido e oficial a forma “Moscoxo”.
Cambios no Nomenclator
Este non é o único cambio que recolle este documento, sendo especialmente rechamante o caso de A Caniza que perde o “Ñ” e recupera o nome orixinal. Tamén recuperan a súa forma histórica o municipio lucense de Alfoz ou o pontevedrés de Cangas, que pasan a ser de forma oficial Alfoz do Castrodouro e Cangas do Morrazo.
Outros cambios están vinculados ás normas ortográficas e morfolóxicas do galego que establecen que os topónimos non deben levar guión. Ese é o caso de Oza Cesuras e Cerdedo Cotobade ou Mondariz Balneario.
Con todo, os cambios máis numerosos responde á inclusión ou supresión do artigo. Oficialmente será Pastoriza, A Ribeira de Piquín, O Campo Lameiro, O Riós, O Porto do Son e O Castro Caldelas.









