Concerto de Perro Futuro en La Fábrica
A Discoteca La Fábrica estrea programación con concertos en directo co obxectivo de consolidarse como referente do ocio nocturno en Redondela. Tres anos despois de poñer en marcha o proxecto no antigo local, A Discoteca La Fábrica segue crecendo e adaptándose ás demandas reais do pobo.
Rodri Vegas produtor musical, programador e DJ desta sala emblemática explica a evolución que fixeron neste ultimo ano co obxcectivo de poder ofrecer programación para todos os públicos e idades. “Fai tres anos que arrancamos pensando na xente nova, como sempre foi aquí”, explica. Pero a demanda fixo que ampliaran o público. “Decidimos abrir xoves e domingos para un público máis adulto e creamos Espacio La Fábrica, unha marca distinta para non confundir as dúas propostas”. Neses días a programación cambia: dúos, orquestras e tríos conviven co traballo do DJ Diego, “unha persoa fundamental no equipo”.
A gran novidade chegou a principios de ano coa reforma da sala para acoller concertos porque “Redondela non tiña un sitio axeitado”. Cambiaron son, luces, pantallas LED e montaxe robótica. O primeiro gran test foi o concerto de Perro Futuro e Lionsway, que superou todas as expectativas. “Suso fixo un traballo incrible. Trouxeron xente de León, o público de Redondela encheu a sala e saímos encantados. Non buscabamos beneficios, queriamos que a xente coñecese o que temos aquí”, recoñece.
Para os próximos días, a sala mantén o ritmo habitual dos sábados para xente nova e avanza en dúas frontes. En Semana Santa o 4 de abril repiten con Delirio The Club e traen unha invitada especial: a tiktoker Jacqueline, cun millón e medio de seguidores, xunto ao DJ Enter (residente en Queen) e o propio Rodri Vegas. Haberá tamén un DJ sorpresa que aínda non poden desvelar. O venres 10 de abril actuará Sandwicho en colaboración con Cajobo Soundsystem, un DJ en plena ascensión que vén de pinchar en festas míticas de Madrid, Barcelona e A Coruña.
Outubro: regreso de Rockondela
A gran primicia é o retorno dun clásico: o festival Rockondela. “Vamos recuperalo en outubro. Nestes momentos hai un concurso de maquetas anunciado e xa está creado o Instagram oficial para que a xente poida participar”, adianta. “O rock and roll non se vai perder en Redondela e a xente que veu ao concerto de Perro Futuro sabe que aquí se fai ben”, explica.
Ademais, a sala segue aberta a novos grupos locais. “Se un grupo quere tocar, só ten que escribirnos polas redes. Temos un equipo de son que é de primeira e queremos darlle oportunidade aos que están empezando”.
A mensaxe de Rodri é clara: “Temos que darlle vida ao ocio que nos queda. A xente está respondendo e iso é o máis importante”. Toda a información actualizada e as entradas para os próximos eventos poden consultarse nas redes de @lafabrica.redondela .












