David Posada, Blanca García-Señoráns, Digna Rivas, Iván Sanmartín, Ana Romasanta e Antonio Cabaleiro
Concello de Redondela acollerá o próximo domingo 12 de abril o XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1 km en Ruta, unha das citas máis destacadas do calendario da Federación Galega de Atletismo (FGA). A proba, de carácter urbano converterá o centro da vila no epicentro do atletismo galego cun percorrido pechado ao tráfico que sairá e rematará diante da Casa do Concello, pasando polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Os atletas de 1 km darán 2 voltas ao circuíto, mentres que os de milla completarán 3 voltas, garantindo un espectáculo rápido, intenso e moi visual para o público. Cabe destacar que dentro do chamativo da proba está a variedade de idades que van dende os 8 aos 70 anos pasando por todas as categorías.
A presentación oficial tivo lugar esta mañá no Concello, coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas; do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro; do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín; do delegado en Vigo da Federación, David Posada; da directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Blanca García-Señoráns; e da presidenta da Asociación Deportiva C.A.R. de Redondela, Ana María Romasanta.
Iván Pablo Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, expresou o seu entusiasmo: “Para min é un orgullo que Redondela, esta vila, este pobo, acolla un campionato galego. Creo que é a primeira vez que Redondela acolle un campionato autonómico de atletismo. Vexo reflectido aquí o gran traballo que se está a facer polo CAR de Redondela, pola Asociación Deportiva CAR, que estamos continuamente nas redes sociais e na comunicación propia do club vendo os resultados e os éxitos deportivos. Penso que era o momento de traer un campionato autonómico aquí”.
Sanmartín explicou a singularidade da proba: “Este é un campionato que ten unha singularidade moi propia, porque se celebra nas categorías sub-10, sub-12 e sub-14 na distancia de 1 km. É un campionato vistoso, porque se dan voltas a un circuíto. Calquera cidadán pode ver desde calquera punto do circuíto o desenvolvemento completo da proba. E despois está a milla, que empezará ás 11:55 h, coas súas probas. Evidentemente, feito sobre un circuíto de 1 km e 609 m, onde estarán os espadas do medio fondo galego e nacional, porque vai haber algunha sorpresa disputando este campionato autonómico”.
Estarán presentes corredores locais, do CAR, e seguramente toda a zona de Vigo-Pontevedra e outras zonas de Galicia. Estarán presentes entre outros o Real CLub Celta de Atletismo, a Sociedade Xinmnástica de Pontevedra e o Comesaña Sporting Club-
Ana María Romasanta, presidenta da Asociación Deportiva C.A.R. de Redondela, mostrou o compromiso e agarimo do club na organización: “ Non só supón unha oportunidade para promover o deporte, senón tamén para poñer en valor o esforzo, a constancia e o espírito de superación que representan os atletas participantes. A milla e o kilómetro en ruta son distancias que combinan espectáculo e accesibilidade, permitindo tanto a participación de atletas de alto nivel como de rapaces que se inician no atletismo, o que fai que a proba teña un valor moi especial. Son probas espectaculares, accesibles e emocionantes, capaces de achegar o atletismo á cidadanía, á xente das rúas, á vida de xente, de deporte e de ilusión. Queremos que estas xornadas sexan unha auténtica festa do atletismo galego”.
A alcaldesa, Digna Rivas, salientou o orgullo que supón para o municipio acoller esta competición de alto nivel: “Redondela será a capital galega do atletismo e esta proba non vai defraudar. A veciñanza sairá á rúa para vivir esta festa do deporte, cunha gran participación de atletas do CAR”. Pola súa banda, o concelleiro Antonio Cabaleiro destacou o alto nivel técnico da proba e o traballo realizado no deseño do circuíto.
Blanca García-Señoráns, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, subliñou o compromiso da Xunta: “A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co atletismo porque entendemos que é un exemplo de superación para os máis novos. Este campionato non é só un evento deportivo, senón que tamén supón un dinamismo para Redondela. Cando apostamos por traer probas de nivel autonómico ás nosas vilas, estamos impulsando a economía local, o turismo e a vida social. Queremos unha Galicia activa, saudable e que se sinta orgullosa de todos os deportistas”.
Un campionato aberto a todas as categorías con alto nivel competitivo
O campionato está aberto a todos os atletas con licenza federativa en vigor pola FGA na tempada actual. A xornada comezará ás 10:30 horas coas probas de 1 km para as categorías base (Sub-10, Sub-12, Sub-14 e Sub-16), mentres que as carreiras de milla se disputarán a partir das 11:55 h, incluíndo categorías máster e absolutas. As entregas de premios serán ás 11:35 h (1 km) e ás 13:15 h (milla).
Recibirán medalla conmemorativa os tres primeiros clasificados na absoluta e os tres primeiros de cada categoría (desde Sub-10 ata Sub-23 e todas as máster, tanto masculina como feminina).
Con esta cita, Redondela reafirma a súa aposta polo deporte base e de elite, achegando o atletismo á rúa e converténdose, por un día, na capital galega desta disciplina. Unha xornada de festa, superación e espectáculo que promete encher as rúas de emoción.










