Hoxe é Venres 27 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pleno de Redondela reproba á alcaldesa Digna Rivas polas súas políticas en materia de igualdade

reprobación

Os votos a favor dos tres concelleiros do BNG permitiron aos populares sacar adiante a moción na que solicitaban ao pleno a reprobación da alcaldesa argumentando “o deterioro das políticas da igualdade durante os seus mandatos”.

Os populares tras responsabilizar a Digna Rivas dun “abandono total sen precedentes das políticas de igualdade” solicitaban a súa reprobación “pola xestión en materia deigualdade e a perda de recursos, servizos e dereitos das mulleres durante o seu mandato”. Instaban tamén ao goberno local a elaborar un plan de igualdade e constituír de forma urxente unha mesa local contra a violencia de xénero.

A popular Sandra Bastos enumeraba como incumprimentos do goberno municipal “a perda de subvencións, a eliminación de servizos de conciliación, o desmantelamento do Consello da Muller ou a ausencia do Plan de Igualdade”.

Sandra Bastos, PP

Como era de esperar, a concelleira de igualdade, Iria Vilaboa defendeu o traballo realizado polo seu grupo e pola alcaldesa neste anos de goberno e acusou aos populares de presentar esta moción “nun intento evidente de desgaste político”. Afirmou que a política en materia de igualdade que desenvolve o Concello de Redondela é hoxe “un referente grazas a Digna Rivas”.

Iria Vilaboa, PSOE

O BNG, malia votar a favor da reprobación da alcaldesa, aproveitou a súa intervención para acusar ao PP dunha dobre moral “xa que naquelas institucións nas que goberna fan totalmente o contrario do que predican nesta moción”. Concretamente falou das políticas da Xunta que “recorta axudas en igualdade” ou o feito de que o PP estea negociando gobernos con Vox “que negan a violencia machista”.

Jessica García, BNG

A nacionalista Jessica García acusaba a Rivas de dinamitar o consello municipal da muller e lles afeaba o atraso no plan de igualdade “que segue sen ser unha realidade logo de case dous mandatos”. Un debate que daba lugar a un enfrontamento directo entre a edil nacionalista e a alcaldesa.

Rifi rafe entre a alcaldesa e a edil do BNG

Remunicipalización do lixo

A ausencia do edil de AER, Roberto Villar, quen non asistiu ao pleno por “circunstancias persoais máis que xustificadas” en palabras do BNG, levou ao concelleiro do Bloque, Xoán Carlos González a pospoñer o debate sobre a remunicipalización do lixo. Entenden os nacionalistas que a relevancia do asunto para iniciar os trámites para que o servizo da  recollida e tratamento do lixo, nos últimos 20 anos en mans da empresa Urbaser, pase a ser xestionado directamente polo Concello debía realizarse nunha sesión na que estean presentes todos os grupos, polo que decidiron trasladar esta moción ao pleno do vindeiro mes.

Xoán Carlos González, BNG
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará