O Concello de Soutomaior vén de iniciar o trámite para dotar a Cortellas dunha rede de saneamento moderna, cunha primeira fase que prevé a instalación de novos colectores, tubaxes e pozos de rexistro. A actuación, financiada con fondos propios e o canon de Viaqua, busca mellorar a calidade de vida da veciñanza e reponder a unha demanda histórica desta zona do rural.
O Goberno Local vén de iniciar os trámites para dotar o barrio de Cortellas dun sistema de abastecemento e saneamento acorde ao século XXI. Encadrado dentro do marco de investimentos que se están adicando á dinamización do medio rural, o concello de Soutomaior presenta o proxecto de “Fase 1 de saneamento en Cortellas”.
Un proxecto que ten como obxectivo definir e dimensionar as obras necesarias para realizar o saneamento no núcleo rural de Cortellas. Unha iniciativa mediante a cal se prevé a implantación de 5 colectores novos por gravidade compostos por 865 metros de tubaxe e 38 pozos de rexistro.
Unha actuación que o goberno local entende imprescindible e que é posible “graza a boa situación económica do concello que permitirá financiar esta obra a través de fondos propios e do canon de Viaqua”.









