O C.D. Choco non levanta cabeza e afúndese un pouco máis na zona de descenso tras perder 2-1 no campo do Sporting Celanova, nun partido no que os erros e a falta de experiencia dun equipo moi novo volven penalizar aos de Álvaro Soto. Mentres, o Atlético Villar segue líder da Terceira Galicia Vigo con puño de ferro a pesar da derrota 3-1 ante o La Guía, e o Cesantes ameaza o ascenso directo tras vencer 3-2 no Salcedo. Unha xornada amarga para os de abaixo e de confirmación para os de arriba.
Preferente
SPORTING CELANOVA – C.D. CHOCO (2-1)
Na Preferente Galicia, o Sporting Celanova impúxose por 2-1 ao C.D. Choco nun partido no que os visitantes volveron acusar os mesmos problemas de sempre. Os de Álvaro Soto afúndense un pouco máis na zona de descenso e a próxima xornada recibirán no Campo de Santa Mariña ao Cented Academy, rival directo na loita por saír do pozo.
O adestrador do Choco, Álvaro Soto, fixo un resumo claro do encontro: “Repítense un pouco as mesmas dinámicas. O outro día o Beluso chegounos cinco veces e marcounos catro goles; onte chegáronnos tres veces e marcáronnos dous. A nós custanos moitísimo chegar ao campo contrario e xerar ocasións, mentres que ao rival lle abonda con media para marcar. O equipo competiu e intentou levar a cabo todo o plan da semana, pero nun campo tan grande e coa tensión do partido a presión puido con eles nos últimos momentos”.
Soto recoñeceu que o grupo é moi novo e que “nos momentos de tensión non teñen esa experiencia para tomar mellores decisión”. Aínda así, destacou que “fomos superiores no 80 % do partido”. Adiantáronse no marcador tras un barullo na área, pero en apenas cinco minutos recibiron dous goles: un de córner no segundo pau e outro nun pase en profundidade no que todos pedían fóra de xogo. “Despois dominamos durante 15-20 minutos, tivemos varias ocasións, pero non fomos quen de empatar. Vas cun sabor amargo porque podiamos ter saído das posicións de descenso (todos pincharon) e ao final decheslle vida a un equipo que estaba case morto”, lamentou. En cinco partidos leva dous empates e tres derrotas: “Non se están facendo as cousas tan mal como para eses resultados, pero hai que romper a dinámica. Agora xogamos outra final en casa contra o Cented e temos que sacar os tres puntos para superar un rival directo”.
Primeira Galicia
C.D. ARCADE – C.D. SPORT TEAM ESTRADA (1-3)
Na Primeira Galicia, o C.D. Arcade conseguiu unha importante vitoria por 3-1 fronte ao Sport Team Estrada na casa. Colócanse novenos con 36 puntos e a próxima xornada visitarán ao Marín CF.
Segunda Galicia
MORAÑA C.F. – C.D. SOUTOMAIOR (3-1)
En Segunda Galicia, o Moraña C.F. derrotou por 3-1 ao C.D. Soutomaior. A pesar do tropiezo, os visitantes mantéñense na cuarta praza con 44 puntos, en postos de play-off, e o próximo encontro é na casa contra o líder, o SD Monteporreiro.
Terceira Galicia
C.D. LA GUIA – ATLETICO VILLAR (3-1
Na Terceira Galicia – Grupo Vigo, o C.D. La Guía venceu por 3-1 ao Atlético Villar. Os de Villar non conseguiron achegarse ao ascenso matemático, pero continúan líderes con 60 puntos e a próxima xornada recibirán ao E.F. Norbert Losada.
O adestrador Denis explicou o partido con sinceridade: “Comezou igualado, como esperabamos. Tivemos ocasións para adiantarnos, conseguimos empatar nun córner e mesmo tivemos outra por un erro defensivo, pero ao descanso fomos 2-1 abaixo. Na segunda parte intentámolo, pero non fomos capaces de marcar. Eles estiveron máis cómodos e nunha falta na fronte da área recibimos o 3-1. Non era o que queriamos, pero temos dous partidos en casa agora e hai que sacar os puntos canto antes”.
CHAPELA C.F. – C.D. AREOSA (2-2)
Na mesma categoría, o Chapela C.F. empatou a dous contra o C.D. Areosa. Suman un punto e sitúanse quintos con 46 puntos. A próxima xornada visitarán ao Club Peñasco.
S.C.D. SALCEDO – C.D. CESANTES (2-3)
Por último, na Terceira Galicia – Grupo Pontevedra, o C.D. Cesantes conseguiu unha nova vitoria por 3-2 no campo do S.C.D. Salcedo. Esta victoria permite aos de Cesantes afianzarse na segunda posición con 48 puntos, moi preto do Campaño SD (50). A próxima xornada recibirán ao Sampayo.









