Hoxe é Venres 20 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Colectivos de Vilar reivindican o Miliario Romano como patrimonio compartido entre Mos e Redondela

veciños vilar

As negociacións entre os concellos de Redondela e Mos para fixar os lindes na zona do Miliario levaron a contratar un topógrafo independente que deberá elaborar, no prazo de tres meses, un informe técnico que permita resolver un conflito territorial aberto dende 2017. Nese contexto, os colectivos de Vilar reivindican este elemento “como símbolo de unión entre parroquias”.

Respectar o Miliario Romano O Marco implica respectar a historia e a memoria dos nosos antepasados. A súa función histórica como marco territorial non debe entenderse como un punto de división, senón como un símbolo de convivencia e relación entre comunidades veciñas, tal e como a propia historia demostra. Así o explican os veciños da zona que salientan a súa relevancia histórica. Datado na época do emperador Traxano no século II, este miliario da vía XIX constitúe un elemento patrimonial singular, sendo o único que permanece na súa posición orixinal. Precisamente por ser marco territorial conservouse no seu lugar histórico; doutro xeito, tería sido trasladado a un museo. Este feito resulta amplamente documentado.

Lembran que no ano 1931 o gobernador civil intentou trasladalo ao Museo de Pontevedra, iniciativa que non chegou a realizarse pola oposición dos veciños das parroquias de Vilar de Infesta, en Redondela, e de Louredo e Guizán, en Mos, quen defenderon colectivamente a súa permanencia no lugar: armados con apeiros de labranza, rodearon o miliario ao berro de que “o Marco non se movía de alí”. Este episodio evidencia o valor simbólico e identitario que sempre tivo para ambas comunidades.

A documentación existente dende o século XIX, momento da creación dos concellos, así como o levantamento detallado realizado polo Instituto Xeográfico no ano 1940, non deixa lugar a dúbidas: o miliario actúa como marco delimitador entre os concellos de Mos e Redondela, situándose por tanto en ambos territorios. Estes documentos describen ademais con precisión as súas medidas e os elementos gravados na pedra.

Os erros producidos no momento de trasladar as antigas medicións aos sistemas modernos xeorreferenciados, tal e como recoñece o Instituto xeográfico, fai necesario que os concellos corrixan as imprecisións acorde a lexislación vixente nos procesos de deslinde correspondentes. Resulta importante actuar con responsabilidade e dilixencia por parte dos Concellos neste momento para evitar máis confusión, especialmente tras anos nos que foron ambos concellos de Redondela e Mos, non os veciños, quenes introduciron erros en documentos urbanísticos e publicacións.

Instan aos concellos a abordar “con seriedade e traballo en conxunto coa veciñanza” para mostrar o que a historia evidencia: que se trata dun patrimonio situado entre ambos concellos, un símbolo identitario das parroquias que teñen neste punto o seu linde común e que debe resolverse coa máxima dilixencia e respecto pola realidade histórica.

O Miliario non é unha pedra que separa, senón un referente que nos une. Leva séculos no mesmo lugar, formando parte da vida dos veciños das tres parroquias, lembrándonos que a historia común permanece. Respectalo é respectar a memoria colectiva dun territorio compartido, conclúen os representantes veciñais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará