O Atlético de Villar segue imparable na Terceira Galicia no Grupo Vigo. Na xornada pasada, o equipo sumou unha nova vitoria na súa casa fronte ao Celta Academy B e alcanzou os 60 puntos, o que lle permite afianzarse aínda máis como líder indiscutible da táboa.
Agora, o conxunto prepárase para un dos duelos máis atractivos e decisivos da tempada: este domingo recibe ao C.D. A Guía, segundo clasificado e un dos grandes favoritos ao ascenso. Un partido de máxima expectación que pode marcar o rumbo final da competición.
Desde o club o adestrador Denis analiza con claridade a situación actual da clasificación e fai os cálculos para conseguir o ascenso directo, pois “facendo 15 puntos sería matemático, pero podería facer falta menos se os nosos rivais –a Guía, o Lavadores ou o Huracán de Zamáns, sobre todo– pinchan algún partido. Igual con menos de 15 puntos tamén podemos sobre todo se gañamos este domingo”.
A verdade é que o Atlético de Villar leva varias xornadas no primeiro posto e a ambición do club vai máis aló da mera promoción. “A idea xa non é só ascender, senón facelo canto antes e loitar por gañar o título de Liga. Ao fin e ao cabo, o Atlético de Villar non gañou nunca a Liga, ou se a gañou foi fai moitísimos anos. É un obxectivo que temos na mente porque fai ilusión á afección, aos xogadores e á directiva”, recoñece desde a entidade.
Con todo, non se esconden ante a dificultade do encontro. “Será un dos máis complicados, se non o máis complicado dos que nos quedan, porque a Guía é un rival moi forte, o máis parecido a nós, con xogadores veteranos e con moita experiencia na categoría. Vai ser un partido de máxima igualdade e temos que sacar a nosa mellor versión para levarnos os tres puntos que queremos”, advirte Denis.
A pesar da tensión da recta final, no club viven o momento con optimismo e ilusión. “Seguimos aquí, disfrutando da tempada, que ao fin e ao cabo está sendo moi boa. Espero que dentro de pouco poidamos falar e celebrar o ascenso que pensamos conseguir canto antes”, conclúe.









