Hoxe é Xoves 19 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Música e palabra no I Festival de Poesía de Redondela María Balteira

poesía

A Libraría Rosalía e Compañía acollerá o vindeiro sábado 21 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Poesía e o inicio da primavera, a primeira edición do Festival de Poesía María Balteira. Detrás desta proposta independente atopamos a Tania Lago e Carolina Sertal quen se embarcaron nesta iniciativa co obxectivo de achegar o xénero lírico a toda a cidadanía. O programa contará coas intervención dos escritores Tamara Andrés e Samuel Merino e a música de Moncho Iglesias Míguez, xunto a Luparias.

Tamara Andrés, Samuel Merino ‘Pompa e Boato’ e Moncho Iglesias Míguez, xunto a Luparias, serán os convidados que participarán nas actividades programadas nesta primeira edición do festival que leva o nome da máis sonada das soldadeiras da Idade Media no ámbito galaicoportugués, a modo de homenaxe a unha muller que rachou cos tópicos da época e que protagonizou varias cantigas de escarnio.

A xornada dará comezo ás 11.00 horas coa presentación na libraría Rosalía e Compañía de “Eu son de aquí e de alá”, o debut narrativo da poeta, investigadora e directora da colección de poesía Dombate (Galaxia), Tamara Andrés, para continuar ás 12.00 horas coa presentación do poemario “Manual de camuflaxe”, de Samuel Merino, quen acadou o ano pasado o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey convocado polo Concello de Fornelos de Montes con esta obra e quen tamén foi gañador do Premio Nacional de Poesía Viva 2025 #LdeLírica. Ambos autores conversarán coa xornalista Carolina Sertal.

A programación continuará ás 13.00 horas con “Baobabs de música e palabras”, na que partindo do poemario “Baobabs”, do escritor, tradutor e profesor Moncho Iglesias Míguez, se celebrará unha actividade de poesía musicada co acompañamento de violín, pandeiro e voz de Luparias, integrado por Elisa e Serena.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará