O Concello pide explicacións pola presenza do arrastreiro Capricorn que foi trasladado ao peirao de Pedra en Rande hai case un ano. Solicita á Autoridade Portuaria información detallada sobre a actividade que desenvolve o buque, cal é a finalidade da súa estancia nese lugar e, sobre todo, se existe previsión sobre a súa retirada. O goberno local solicita tamén información sobre o “proxecto” existente para o cargadoiro mineral Coto Wagner. Alertan que ante o elevado deterioro que presenta “corre risco de desaparecer se non se actúa con urxencia”.
O goberno local ten solicitado á Autoridade Portuaria información detallada sobre a embarcación que permanece fondeada dende maio de 2025 en Rande. Reclaman datos concretos sobre a actividade que estaría desenvolvendo o buque, cal é a finalidade da súa estancia neste punto concreto e se existe unha previsión sobre a súa retirada ou continuidade no emprazamento.
A embarcación en cuestión é o arrastreiro Capricorn, e segundo ten transcendido, o barco atoparíase en proceso de búsqueda de comprador, o que podería explicar a súa inactividade, malia que na xornada de hoxe había operarios traballando na súa cuberta. Existe preocupación polo impacto que a súa presenza prolongada poida ter na zona.
Por outra banda, o Concello insta á organismo portuario a informar sobre o proxecto existente para o cargadoiro mineral Coto Wagner. Lembran o importante deterioro que presenta esta estrutura, un elemento fundamental do patrimonio histórico-industrial de Galicia e catalogada polo seu valor singular, e que corre risco de desaparecer se non se actúa con urxencia.
A alcaldesa recorda que, tras unha reunión co presidente da APV o pasado mes de agosto, informouse da existencia dun proxecto para actuar na zona. Porén, sete meses despois, o Concello denuncia que non recibiu ningunha nova información nin avances ao respecto.
O goberno reitera o seu compromiso coa posta en valor do cargadoiro e a súa total disposición a colaborar en calquera iniciativa que garanta a protección e integración deste emblema do patrimonio industrial no contorno de Rande.









