Foto de Patry Rivas
SAR OPmobility superou con autoridade ao Calvo Xiria por 31-27 na Bombonera tras remontar un inicio complicado, mentres o Balonmán Chapela logrou unha valiosa vitoria a domicilio ante o Noroplaza Atlántico (29-32) nun final de infarto, mantendo así a emoción na loita pola zona alta da táboa galega.
SAR OPmobility 31–27 Calvo Xiria
No pavillón da Bombonera, a SAROPmobility recibiu ao Calvo Xiria nun encontro que comezou complicado para os locais. Os visitantes adiantáronse rápido (1-4), obrigando á SAR a remar desde atrás durante boa parte da primeira metade. Non foi ata o minuto 22 cando lograron poñerse por diante por primeira vez (11-10), grazas a unha portería moi segura que deu estabilidade ao equipo. Ao descanso, lixeira vantaxe: 16-15.
Na segunda metade, o partido seguiu igualado con goles por ambas as bandas (19-19 no minuto 38). A SAR abriu un pequeno oco (23-20 no 42), pero o Xiria igualou de novo (23-23 no 45) aproveitando algunhas imprecisións locais. No tramo final, os redondeláns atoparon maior acerto e consistencia, o que lles permitiu decantar o marcador a seu favor. Resultado final: 31-27. Unha vitoria importante por catro goles que reforza a terceira posición do equipo.
A próxima xornada, a SAR OPmobility visita a pista do Valinox Novás.
Noroplaza Atlántico 29–32 Balonmán Chapela
Fóra da casa, o Balonmán Chapela logrou unha gran vitoria ante o Noroplaza Atlántico. Os locais comezaron mellor e abriron unha vantaxe de tres goles, pero Chapela reaccionou e igualou antes do descanso (14-14). O segundo tempo foi moi intenso e disputado, con igualdades constantes (17-17 no 35, 20-20 no 40). No minuto 50, o Noroplaza volveu adiantarse (25-24), pero os de Chapela apertaron no tramo decisivo e remataron impoñéndose por tres goles: 32-29.
Un traballo excelente do equipo visitante para sumar dous puntos valiosos. Na vindeira xornada, o Balonmán Chapela recibe na casa ao Calvo Xiria.









