Hoxe é Martes 17 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Guillermo Lago, Míster RNB España: “A xente cre que é só aspecto, pero tes que traballar en todo”

WhatsApp Image 2026-03-12 at 20.24.59
Entrevista completa con Guillermo Lago

O mozo redondelán Guillermo Lago, que acaba de cumprir 18 anos, xa ten nas súas mans o título de Míster RNB España Supranacional e este verán competirá no importante certame internacional Mister Supranational 2026, que se celebrará en Polonia no mes de xullo. Trátase dun dos eventos máis relevantes do mundo dos místers, onde participarán representantes de decenas de países e no que España chega con boa reputación tras os éxitos recentes.

Guillermo, orixinario de Redondela, converteuse no participante máis novo do certame nacional, onde competiu contra decenas de místers, a maioría entre 25 e 30 anos. “Fun o máis pequeno, pero demostrei que a idade non é un impedimento cando tes talento e ganas de traballar”, explica. O seu camiño comezou case por casualidade: con 16 anos recibiu unha mensaxe en redes sociais dos organizadores de RNB en Pontevedra, que viron potencial no seu perfil. “Foi toda unha sorpresa, pero decidín probar. Gañei o provincial de Pontevedra e logo pasei directamente ao nacional, porque o sistema vai por provincias, non por comunidades autónomas como moita xente pensa”.

O mundo dos concursos de beleza masculinos dista moito da imaxe superficial que se ve nas redes sociais. Guillermo insiste en que detrás de cada título hai un traballo exhaustivo: clases de inglés para poder comunicarse con fluidez, preparación en oratoria, desenvolvemento da personalidade e unha rutina física moi esixente. “A xente cre que é só aspecto físico, pero non. Tes que mellorar en todo para representar ao teu país como é debido”, di. O seu día a día combina os estudos dun ciclo de deportes co ximnasio cinco días á semana, piscina, equitación e unha alimentación coidada, aínda que el recoñece que “non é tan estrito como parece porque xa gasto moita enerxía co deporte”.

O título cambioulle a vida de forma notable. “Agora son moito máis responsable e sacrificado. Tes que ter obxectivos claros e foco total”, asegura. Recoñece que a presión existe, especialmente agora que representará a España no exterior: “Todos sentimos esa responsabilidade, tanto místers como misses, pero ao final fas amigos e coñeces xente de todo o mundo”. Hai pouco viaxou a París como agasallo dos organizadores de RNB, onde visitou Disneyland, a Torre Eiffel e outros lugares emblemáticos xunto ao equipo e outros compañeiros. “Foi incrible e serviu para ver que todo o esforzo valeu a pena”.

A familia, especialmente a súa nai, foi fundamental. “Sempre estivo ao meu lado, axudándome con todo e aceptando cada paso con sorriso. É a mellor persoa que me puido tocar”, conta con agarimo. De cara ao futuro, Guillermo non oculta as súas ambicións: gañar o Míster Supranational sería un soño e despois quere continuar no mundo da moda como modelo de pasarela ou incluso como influencer. “Gustaríame que me chamasen grandes marcas, pero de momento vou paso a paso e nunca esquecerei Redondela nin Galicia, que é o meu corazón”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará