O goberno municipal ordenou a suspensión inmediata das obras que se están a realizar no Camiño da Lagoa no barrio da Millarada tras detectárense novos movementos de terra e verquidos na parcela. A decisión chega despois de que veciños e veciñas alertaran da reanudación de verquidos de zahorra e cascallos no lugar. Un conflito urbanístico que se arrastra dende o ano 2011 e que ten xerado preocupación polo seu impacto ambiental e polos riscos para as vivendas situadas nas inmediacións.
Segundo o informe técnico municipal, na parcela realizáronse movementos de terra mediante o recheo de parte do terreo con terra vexetal e xabre nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados. Ademais, detectáronse acumulacións destes materiais na parte alta da leira, formando tres montículos duns 2,5 metros de altura nunha superficie próxima aos 50 metros cadrados.
Estes feitos poderían constituír unha infracción urbanística, motivo polo cal o Concello decretou a paralización cautelar das obras e ordenou tamén a retirada dos materiais e da maquinaria utilizada para garantir o cesamento total da actividade.
A alcaldesa, Digna Rivas , explica que “non se vai permitir que se incumpra a normativa urbanística. Desde o primeiro momento este goberno municipal tomou as medidas oportunas, e xa é a segunda vez que incumpren a legalidade”
Dende a Concellería de Urbanismo advirten que no caso de que as obras non se paralicen no prazo de 24 horas dende a notificación da resolución o Concello poderá proceder ao precintado da obra, a retirada de materiais e maquinaria ou a suspensión de subministros.
Ademais, poderán imporse multa coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros, reiterables ata que se cumpra a orde de paralización. No caso de persistir o incumprimento, os feitos poderían poñerse en coñecemento do Ministerio Fiscal por posibles responsabilidades penais.
As obras neses mesmo punto xa foran paralizadas en agosto de 2025 por movementos de terra en parte da parcela. Con esta nova actuación, o Concello pretende poñer freo a unha situación que o vecindario denuncia dende hai anos e que consideran incompatible coa normativa urbanística vixente.









