O certame ecoloxista, reivindicativo e artístico máis senlleiro regresa un ano máis co obxectivo de encher as rúas, prazas e escaparates da vila de propostas artísticas elaboradas con material de refugallo. A cita desenvolverase dende o 28 de marzo ata o 11 de abril. Colectivos, colexios, artistas e veciñanza en xeral está chamados a participar previa inscrición que se amplía ata o 22 de marzo.
Un certame que nesta edición celébrase baixo o lema“Ata aquí chegaba o mar!”, e propón que as obras artísticas reflexionen sobre o noso mar e sobre como o tratamos, particularmente en Redondela. Quere ser tamén unha chamada a que se remate con practicas contaminantes e se actúe para recuperar un espazo natural tan emblemático como é a Enseada. Unha proposta que non é vinculante, xa que puntualiza Fran Álvarez, “como todas as edicións pódese facer o que se queira en canto as obras e a súa temática”.
ArteLixo mantén o seu espírito de amosar que as cousas poden facerse de outro xeito, en común, e coa aportación libre e desinteresada de moitas persoas, voluntarias, activistas, comerciantes, cidadáns do pobo de Redondela, profesorado, alumnado… Mais, sobre todo, das artistas que expoñen as súas obras.
Uns artistas que deben facer a súa inscrición como data límite o vindeiro 22 de marzo achegando as medidas da obra proposta e o espazo no que lles gustaría que fora ubicado.
Como inscribirse no ArteLixo2026? Cubrindo o formulario nesta ligazón: https://forms.gle/11EeyDgWFVAzZTYp6










