Ambos concellos acordan basearse na acta de deslinde do ano 1940 para elaborar un informe técnico que permita resolver un conflito territorial aberto dende 2017. O acordo busca determinar de xeito obxectivo os lindes entre Redondela e Mos na zona do Miliario, un elemento patrimonial de gran valor histórico, territorial e identificativo. O documento deberá estar rematado no prazo de tres meses.
Os concellos de Redondela e Mos acordaron contratar un topógrafo independente para determinar con precisión os límites entre ambos municipios na zona do Miliario de Vilar. O acordo acadouse durante unha reunión da comisión de seguimento creada para abordar esta cuestión. Unha xuntanza na que estaban presentes as alcaldesas de ambos municipios, Digna Rivas, e Nidia Arévalo, xunto a técnicos municipais, representantes das comunidades de montes afectadas e membros de ambas corporacións.
O técnico independente será o encargado de realizar o levantamento topográfico preciso, tomando como referencia os linde recollidos no documento histórico de 1940, a Acta de Deslinde do instituto xeográfico e catastral. O obxectivo é reflexar de forma obxectiva os límites entre Redondela e Mos nesta zona.
Para a elaboración do estudo tense fixado un prazo de tres meses. Unha vez finalizado convocarase unha nova reunión da comisión para analizar os resultados e traballar na unificación das propostas das comunidades de montes de Vilar e Guizán, baseándose nos datos técnicos obtidos.
s alcaldesas destacaron a vontade de diálogo e o traballo conxunto para solucionar este tema, buscando unha solución técnica, xusta e definitiva para todas as partes implicadas. Digna Rivas, amosouse satisfeita de poder avanzar neste sentido. O conflito remóntase ao ano 2017, cando o Concello de Mos plasmou no seu PXOM o Miliario como parte de la parroquia de Guizán. A rexedora sinala que “é unha boa nova que por primeira vez cheguemos a un acordo para darlle una solución xusta e definitiva” a este conflito. Rivas afirma que desde o Concello de Redondela vanse defender “os intereses da parroquia de Vilar, tal e como levan reclamando os veciños e veciñas desde hai anos”.









