A iniciativa ten como obxectivo reforzar o apoio ao colectivos de mariscadoras do municipio e foi defendida polo voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, no debate plenario en torno ás subvencións nominativas destinadas a diferentes entidades locais. A proposta non saiu adiante ao votar en contra o resto dos grupos da corporación.
O portavoz do BNG subliñou que as intensas chuvias dos últimos meses provocaron a entrada masiva de auga doce nas zonas de marisqueo o que tería contribuído á morte do marisco. Ao seu xuízo a esta complicada situación súmaselle a falta de implicación da Xunta de Galicia, a quen acusa de desatender ao sector, un colectivo que en Redondela está formado por arredor de setenta traballadoras.
A proposta nacionalista incluía destinar os fondos á compra de semente de ameixa e croque, así como á reposición de variantes autóctonas. Tamén contemplaba compensar labores de limpeza e vixilancia dos areais sementados, traballos que realizan as propias mariscadoras para garantir a produtividade dos bancos marisqueiros.
A iniciativa foi presentada mediante un voto particular ao pleno municipal, aínda que finalmente PP, PSOE e AER votaron en contra da medida.
González Campo cualificou a situación do sector como “complicada” e advertiu de que o marisqueo atravesa un momento crítico. Lembrou que hai unha década ao redor de 200 mulleres formaban parte da confraría, unha cifra moi superior á actual.
O portavoz nacionalista tamén reclamou a elaboración dun plan de apertura de comportas da Presa de Eiras, unha medida que, segundo diversos estudos, axudaría a minimizar o impacto do achegue excesivo de auga doce na ría.
Así mesmo, criticou o que considera unha falta de implicación institucional co sector, mencionando como exemplos a falta de renovación do Peirao de Cesantes por parte da Xunta ou o peche dun acceso ao mar en Soutelo, na parroquia de Cedeira.









