Manuel Seijas, Olimpio Giráldez e José Ángel Xesteira reúnense de novo no Multiúsos da Xunqueira 60 anos despois da súa primeira exposición conxunta, que tivo lugar nos soportais do Concello de Redondela no ano 1966. A exposición recolle diferentes obras realizadas polos tres participantes ao longo das últimas décadas e poderá visitarse dende hoxe ata o 26 de marzo.
O Multiúsos da Xunqueira acolle este mércores 11 de marzo ás 18:00 horas a inauguración dunha exposición protagonizada por tres artistas que comparten unha longa historia de amizade e creación.
A historia deste encontro remóntase ao ano 1966 cando os tres amigos decidiron expoñer xuntos por primeira vez nos soportais do Concello. As característica do espazo, completamente aberto, obrigaban a montar a exposición diariamente, colgando as obras pola mañá e recolléndoas pola noite para evitar posibles roubos. Aquela mostra foi o inicio dunha relación artística que ten perdurado ao longo das décadas.
De feito, trinta anos máis tarde, en 1996, volveron reunirse para unha nova exposición xa nun espazo máis acaído á proposta: a Casa da Cultura, onde presentaron tanto obras antigas como novas creación, lembrando aquela primeira experiencia compartida.
Agora en 2026, sesenta anos despois daquel primeiro encontro artístico, volven reunirse para inaugurar unha nova exposición no Multiusos da Xunqueira na que atoparemos propostas tan diversas como cadros, fotografías, pequenas instalacións artísticas e incluso unha casa de bonecas, pezas realizadas polos participantes ao longo das últimas décadas.
O acto terá lugar hoxe mércores ás seis da tarde e estará aberto ao público. Complétase ademais con diferentes paneis que se instalarán nos propios soportais do Concello e no paseo da Xunqueira que recollen a historia desta amizade artística que se mantén sesenta anos despois.













