O mes de marzo arranca en Pazos de Borbén cunha nova cita, neste caso culinaria: as I Xornadas Gastronómicas de Pinchos da Cacheira cun roteiro por cinco locais do municipio. A iniciativa desenvolverase todos os venres do mes cun pincho e consumición por 3,50 euros e incluirá o sorteo de cinco premios de 100 euros entre as persoas participantes. Unha cita que é continuación da exitosa festa da cacheiras que celebraba este domingo a súa XXV edición.
O Concello de Pazos de Borbén pon en marcha durante o mes de marzo as I Xornadas Gastronómicas de Pinchos da Cacheira, unha iniciativa que busca poñer en valor a gastronomía tradicional do municipio e dinamizar a hostalaría local a través dun roteiro culinario por diferentes establecementos.
A proposta desenvolverase todos os venres de marzo —os días 6, 13, 20 e 27— e contará coa participación de cinco locais do municipio, que elaborarán pinchos especiais empregando diferentes partes da cabeza do porco, como a orella, o morro ou a careta, produtos moi presentes na cociña tradicional galega.
Durante estas xornadas, as persoas participantes poderán realizar un roteiro gastronómico por cinco establecementos: Besadio, Gasolinera, Torta, Cernadas e Renovadora. En cada un deles ofrecerase un pincho acompañado dunha consumición —cervexa, viño, auga ou refresco— por un prezo único de 3,50 euros.
Ademais de degustar as diferentes propostas gastronómicas, as persoas participantes poderán votar polo mellor pincho. Para iso deberán solicitar nos locais a súa tarxeta de participación, completar o roteiro e emitir o seu voto.
Entre todas as tarxetas recollidas realizarase o sorteo de cinco premios de 100 euros, que deberán gastarse nos establecementos participantes. Con esta iniciativa, o Concello de Pazos de Borbén busca impulsar a actividade da hostalaría local, promover os produtos tradicionais e ofrecer novas propostas de ocio gastronómico tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
As I Xornadas Gastronómicas de Pinchos da Cacheira nacen así coa intención de converterse nunha cita anual dentro do calendario gastronómico do municipio, reforzando a identidade culinaria de Pazos de Borbén e fomentando a participación social arredor da gastronomía.











