Solar no que se prevé construir o museo
A Asociación Cultural manifesta a súa “profunda decepción e indignación” tras coñecerse a decisión dos partidos da oposición no pleno municipal do pasado xoves de tombar o financiamento previsto para a construción do museo dedicado ao pintor redondelán Ángel Barros. O voto en contra de PP e BNG impediu aprobar un investimento de 420.000 euros para a construción do futuro museo na Avenida Mendiño. Alén Nós critica os argumentos esgrimidos polos grupos da oposición para non aprobar esta partida económica e anuncia unha recollida de sinaturas.
Aseguran que a parcela habilitada para o proxecto –no espazo que ocupaban as antigas casas dos mestres- reúne as condicións axeitadas e o tamaño necesario para albergar un edificio museístico digno, pensado especificamente para conservar e exhibir a obra doada por Angel Barros ao concello conformada por 150 pinturas. Lembran que o proxecto “contaba co respaldo de fondos europeos que agora poderían perderse por unha decisión política difícil de comprender, explicar e aceptar”.
Non comparten a proposta do Partido Popular de agardar a un hipotético novo mandato para reformular un proxecto “de maior dimensión” tal e como defendía Javier Bas.
Entende que este argumento “soa, na práctica, a dilatar indefinidamente unha infraestrutura xa atrasada en múltiples ocasións”.
Tampouco ven acaída a alternativa formulada polo BNG de trasladar a obra á recentemente adquirida Villa Elisa como defendía o nacionalista Xoán Carlos González
Insisten en que a colección de Ángel Barros merece un espazo concibido desde o inicio con criterios museísticos: condicións técnicas, iluminación, percorrido expositivo e capacidade didáctica. “Adaptar unha vivenda histórica non ofrece as mesmas garantías nin o mesmo potencial que un edificio deseñado expresamente para ese fin” explican.
Ante o risco de que o proxecto quede novamente en suspenso Alén Nós esixe “responsabilidade, altura de miras e un compromiso claro para desbloquear esta situación” e anuncia unha campaña de recollida de sinatura en defensa do proxecto.









